Iria Vázquez e o alumnado do IES Pazo da Mercé das Neves súmanse ao programa “Violencia Zero” para “cambiar de forma” e rachar estereotipos sexistas

O programa da Deputación levou á Casa da Cultura das Neves unha performance na que a rapazada actuou, bailou, creou vestiarios e colgou unha peculiar pancarta

26/05/2022

Violencia Zero As NEves

A artista Iria Vázquez e 40 rapazas e rapaces de 3º da ESO do IES Pazo da Mercé levaron á Casa da Xuventude das Neves a performance “Permíteme cambiar de forma”. Con esta acción animaron a rachar cos estereotipos que impón a sociedade e a buscar a liberdade. Fixérono coa colaboración de Marco Maril, músico e artista de son. Desta acción, enmarcada no programa da Deputación “Violencia Zero”, desfrutaron preto de 60 persoas entre as que se atopaban a deputada de Cultura e Igualdade, Victoria Alonso; o alcalde das Neves Xosé Manuel Rodríguez; as concelleiras de Cultura e Igualdade do municipio; e alumnado do centro educativo.

A posta en escena xurdiu a raíz dun obradoiro celebrado esta semana no que a artista e a rapazada reflexionaron sobre os estereotipos e os roles sociais que implican o uso de determinadas prendas de vestir. En ocasións, estes contextos dan lugar a desigualdades de xénero e por este motivo Iria Vázquez quixo afondar na importancia da sororidade. No obradoiro, a artista tamén fixo unha aproximación ao mundo da performance e incidiu no seu carácter reivindicativo e na importancia do contacto co público, dous termos que aplicaron a posteriori na súa intervención.

Coa acción levada a cabo na Casa da Xuventude o grupo de alumnas e alumnos animou ao resto da mocidade a festexar as diferencias en busca do fomento da tolerancia e a igualdade. Esta nova peza do “Violencia Zero” comezou con 9 das rapazas e rapaces en escena, os seus corpos estaban no chan e Iria Vázquez tirou sobre eles teas que os bloqueaban. Pouco a pouco foron levantándose, mais estas teas pesábanlles como lousas que foron rompendo ata cambiar o seu vestiario por completo. Empregaron entón roupas realizadas polo resto da rapazada que participou no obradoiro, nelas primaban a mestura de cores e as posicións desiguais coas que fixeron un chamamento a prol de romper os límites que impón a sociedade. Unha vez xa liberadas/os dos estereotipos sociais fixeron un chamamento ao público, que se subiu ao escenario para bailar ceibe. Para finalizar a  performance escribiron o seu título, “Permíteme cambiar de forma”, sobre uns panos e colgaron esta “pancarta” no exterior da Casa da Xuventude.

Tras as actuacións en Pontevedra, Vigo, Moraña, Silleda, Meaño, Forcarei, Agolada, A Lama, Oia, Moaña e Caldas de Reis esta foi a décimo segunda acción da VII edición de “Violencia Zero” coa que a Deputación continúa a expandir a loita feminista noutros 19 concellos da provincia baixo o lema “Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!”. Así, este ano o programa continuará visibilizando o talento das mulleres con propostas musicais, de teatro, danza, poesía, performance e outras iniciativas artístico-culturais en A Guarda, Fornelos, Redondela, Salceda, Tui, Meis, Baiona, A Cañiza, Covelo, Barro, Rodeiro, Cambados e Vilaboa.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 17 resultados.