Mouriscade estrea nova web na que o sector gandeiro poderá adquirir directamente os embrións que desexe

A plataforma conta xa con este sistema de venda de material xenético para que todo o sector da provincia poida acceder en igualdade de condicións á compra

15/02/2023

Carmela Silva

A Deputación de Pontevedra vén de presentar o novo sitio web da Finca Mouriscade, totalmente redeseñado para ofrecer unha imaxe máis utilizable, accesible, áxil e doada de consultar. O sitio web ten formato responsive, adaptado ás pantallas de todos os dispositivos tanto de escritorio como móbiles, e entre os seus obxectivos principais está o de aumentar a transparencia da información pública relativa a Mouriscade. A renovada web, que vén de ser presentada polo deputado Manuel González e o persoal do servizo de Novas Tecnoloxías da Deputación, xa fora avanzada pola presidenta, Carmela Silva, na reunión que mantivo en xaneiro co comité informativo de Mouriscade, composto polas alcaldías da comarca de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

A principal novidade do novo sitio web é a plataforma de venda de embrións producidos en Mouriscade, que a Deputación busca que cheguen a todas as ganderías da provincia. Deste xeito, a venda producirase dun xeito moito máis transparente e áxil, co que se busca que todo o sector gandeiro da provincia teña a mesma capacidade e accesibilidade á hora de mercar os embrións. As persoas rexistradas na base de datos de Mouriscade recibirán unha notificación o día anterior ao momento no que a Deputación poña á venda eses embrións e poderán seleccionar directamente o exemplar cuxos embrións desexan adquirir. Unha vez merquen o material xenético, e sempre que o soliciten a través da web, o persoal técnico de Mouriscade trasladarase ás súas explotacións para implantalos, empregando para iso o laboratorio móbil que está a piques de estar operativo.

En canto á sección dedicada ao laboratorio, a información das mostras enviadas é moito máis doada de consultar ao axilizarse o procedemento de consulta de resultados, que será accesible en tempo real desde calquera dispositivo. Nos vindeiros meses tamén se incorporará outra novidade neste apartado: unha libraría de composición de alimentos que ofrecerá unha base de datos estatísticos do laboratorio, con rexistros desde 2001, que contará cos parámetros máis comúns na análise de alimentos. Por iso, será de grande utilidade para a interpretación de resultados e investigación. No novo sitio web de Mouriscade tamén se incluirán, a título informativo, datos referentes a outras instalacións e infraestruturas de Mouriscade como a súa planta de biogás ou as terras de cultivo da finca.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.