A Deputación logra a unanimidade de tódolos grupos políticos para sacar adiante o Plan PON2030, a nova aposta polo impulso da Axenda 2030 en toda a provincia

Inclúe a nova convocatoria extraordinaria para grandes obras municipais, con 22 millóns de euros,2,7 millóns para axudas aos concellos polas inundacións e outros 7 millóns para a reforma de Santa Clara

06/03/2023

Pleno PON2030

O Pleno da Deputación aprobou hoxe co apoio de tódolos grupos políticos o plan PON2030, a nova aposta provincial por impulsar a Axenda 2030 en alianza cos concellos e que se sustenta sobre os piares dunha nova convocatoria extraordinaria de grandes obras de infraestruturas e dotacións municipais (22 millóns de euros), as axudas extraordinarias para apoiar aos concellos que sufriron os temporais do pasado Nadal (2,7 millóns), o comezo das obras de restauración do convento de Santa Clara para incorporalo ao Museo de Pontevedra  (7 millóns de euros)  e un millón de euros para reforzar o investimento na mellora da seguridade viaria na rede provincial de estradas (1 millón de euros). O consenso sobre esta iniciativa do Goberno provincial en apoio aos concellos converteuse no protagonista dunha sesión plenaria extraordinaria que durou un cuarto de hora.

O deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, subliñou que o PON2030 trae baixo o brazo a quinta gran convocatoria para obras municipais extraordinarias destes últimos dous mandatos. Estes 22 millóns de euros veñen así a sumarse aos 54 millóns xa mobilizados anteriormente a través dos plans PICEI, de Reequilibrio, DepoRemse e ReacPon (aínda en execución), que xa fixeron posible a materialización dun total de 117 grandes obras “que melloraron a vida da xente, viva onde viva” e contribuíron á transformación da provincia. Afirmou que se trata, por tanto, “dunha nova aposta por reforzar aos municipios de menos de 50.000 habitantes, facendo que poidan financiar obras que, doutro xeito, serían imposibles”.

O novo plan de obras achegará un importe máximo dun millón de euros por concello e co tope do 90% da convocatoria do Plan Concellos 2022-23, e fixa un prazo de execución para as actuacións ata o 30 de abril do ano 2025.

Un plan aliñado coa Axenda 2030 que tamén favorece a reciclaxe dos residuos

A gran novidade deste PON2023 consiste en que, ademais de posibilitar a rehabilitación ou construción de novos equipamentos municipais ou actuacións sobre o espazo público, faculta tamén aos concellos para financiar iniciativas que teñan que ver co cumprimento da lei estatal 7/2022 sobre reciclaxe dos residuos e contribución á economía circular. Ademais, a convocatoria mantén os criterios de puntuación dos proxectos en base á “madurez”, calidade técnica, contribución a unha economía descarbonizada e cumprimento dos obxectivos da Axenda 2030, “criterios nos que esta Deputación foi pioneira e que hoxe son un estándar”. Ademais, a Deputación flexibiliza os criterios sobre a dispoñibilidade dos terreos cando sexan propiedade doutra Administración. Nestes casos xa non será necesaria unha cesión indefinida, que só se esixe cando a entidade titular é de dereito privado.

Amais, o Pleno da Deputación, en cumprimento do acordo adoptado o pasado mes de xaneiro, aprobou o plan extraordinario de axudas aos concellos afectados polos temporais do pasado Nadal, dotado con 2.720.160 euros e dirixido a concellos de menos de 20.000 habitantes.  As axudas servirán para resarcir aos concellos polos gastos ocasionados polas choivas e a inundacións en instalacións, bens ou propiedades municipais.

Carlos Font destacou que todo este paquete de actuacións que forma parte do plan PON2030 son un paso máis na loita contra o reto demográfico, na medida en que se impulsan grandes actuacións en toda a provincia, equilibrando as dotacións e servizos entre o rural e o urbano. César Mosquera puxo o énfase na boa saúde económica da Deputación, que permite sacar adiante este novo plan provincial de apoio aos concellos, así como o acerto de convocalo “gañando tempo” e facilitando o seu desenvolvemento por parte dos gobernos locais que xurdan das eleccións municipais do próximo mes de maio. Engadiu que máis do 70% dos fondos incluídos no PON2030 “van para os concellos e con prioridade para os pequenos”. Finalmente, o voceiro do PP, Jorge Cubela, afirmou que lle parece “estupendo que se dediquen estes fondos aos concellos” e anunciou o voto a favor “sen poñer un só pero”.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.