Co renovado centro cívico da Devesa o Plan ReacPon da Deputación dota Salceda de Caselas dun novo lugar de encontro veciñal

A presidenta e a alcaldesa inauguraron o novo equipamento cultural, que recibiu 674.000 euros da Deputación para a súa rehabilitación e acollerá arredor de 50 colectivos da vila

24/03/2023

IX edición do Certame de Relato Curto

O edificio A Devesa, datado de 1962, loce desde esta tarde o seu renovado aspecto convertido no novo Centro Cívico do Concello de Salceda de Caselas, co impulso e os recursos da Deputación de Pontevedra. As obras supuxeron un investimento de 674.000 euros da institución provincial, a través dos programas ReacPon (539.000 euros) e Plan Concellos (135.000 euros para sufragar o financiamento municipal). A presidenta provincial Carmela Silva e a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, veñen de inaugurar o novo equipamento cultural do que se beneficiarán as arredor de 50 asociacións culturais, deportivas e sociais que existen na vila.

A presidenta Carmela Silva asegurou que o novo Centro Cívico da Devesa será “un novo lugar de encontro da veciñanza de Salceda, especialmente da súa xente maior, que se reunirá tanto neste edificio como na praza da Devesa”, para “compartir momentos, experiencias e recordos coas súas veciñas e veciños”. “Salceda é un lugar cada vez máis atractivo no que vivir”, afirmou Carmela Silva, ao tempo que sinalou que esta actuación “é unha mostra de como se transforman as vilas e cidades cando existen un modelo e un proxecto detrás”, en alusión á localización do edificio, no antigo campo da feira da Devesa que foi remodelado a través do plan provincial DepoRemse e que é, ademais, a porta de entrada á vila. “Os espazos públicos e os equipamentos teñen unha función, que é dar servizo ás persoas, e polo tanto teñen que ser pensados por e para a xente”, asegurou a presidenta provincial, “para mellorar a súa calidade de vida”.

A presidenta deu os parabéns ao equipo de goberno de Salceda, “e moi especialmente á súa alcaldesa, xa que me consta que estivo especialmente implicada neste proxecto”, e puxo en valor “que teña a mirada posta nas esixencias da sociedade do século XXI”. Deste xeito, “non se trata só de que Salceda gañase un novo e fermoso edificio para as persoas, senón que ademais faino con todas as garantías de sostibilidade, co uso de enerxías renovables e respectuosas co medio ambiente e un menor consumo enerxético, e tamén de salubridade e accesibilidade para que todas e todos poidan gozar destas instalacións”.

Pola súa banda a alcaldesa de Salceda, Verónica Tourón, asegurou que “coa recuperación do Centro Cívico A Devesa pasamos a ter un inmoble polivalente para a cultura e a cohesión social do século XXI”. A rexedora tamén lembrou que a través destas obras “completamos a transformación dun espazo clave na entrada da vila, continuando na liña dun urbanismo fermoso pensando no servizo á veciñanza”.

A reforma integral do edificio da Devesa –unicamente se mantiveron os muros maila estrutura– foi unha intervención ambiciosa que converte o inmoble nun equipamento cultural moderno e un verdadeiro polo de atracción de dinámicas culturais e sociais. O edificio cumpre a normativa de accesibilidade, salubridade, sostibilidade e eficiencia enerxética para satisfacer as necesidades sociais do concello e para contribuír a incrementar a cohesión social. A adecuación do centro ás necesidades dos colectivos veciñais supuxo realizar obras no interior como unha nova distribución dos andares e da comunicación entre eles, con itinerarios accesibles en todas as dependencias e un ascensor, e renovación das instalacións térmicas. A distribución queda do seguinte xeito: no andar baixo, un hall, un almacén, unha sala de xuntas, unha cafetaría, aseos, un auditorio e unha zona de exposición exterior; e, no primeiro andar, unha sala de xuntas, salas para o uso das asociacións e aseos. No exterior, cambiouse a cuberta, reformáronse os canalóns e as baixantes, cambiouse a envolvente térmica, adecuouse o edificio para evitar o paso do radon (cunha barreira de protección e unha soleira ventilada que evita que o gas ascenda), a instalación dun sistema de paneis fotovoltaicos e expositores luminosos na fachada principal.

Galerias de imaxes

videos