SmartPeme comeza maio con cinco novos obradoiros

O programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos de introdución á fabricación dixital e debuxo 3D, fomento de cultura sostible, infografías e packaging

01/05/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana cinco novas accións formativas impartidas de xeito onlinee presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como a introdución á fabricación dixital e o debuxo 3D, cultura sostible e responsabilidade social, representación de información a través de infografías e fundamentos básicos do packaging.

O martes 3 e o xoves 5 de maio pola mañá, Manuel Freire, Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión impartirá dous obradoiros sobre fabricación dixital. Nestes cursos en formato mixto, combinaranse clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro, co obxectivo de que o alumno teña contacto real con este tipo de tecnoloxías e sexa capaz de deseñar e fabricar unha peza en 3D.  O primeiro, será de “Fabricación Dixital. Introdución á fabricación dixital”, un taller para coñecer e familiarizarse coas ferramentas implicadas nun proceso de produción dixital. O segundo, “Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape I – Partstudio I”, centrarase na utilización deste software de debuxo 3D. Na quenda de tarde, Fátima Faílde, Licenciada en Publicidade e Relacións Públicas explicará os 17 ODS. Unha chamada á acción de persoas, institucións e PEMES e a súa responsabilidade cara un desenvolvemento en favor da sociedade, o planeta e a prosperidade, no curso “Impulsa a cultura sostible e a responsabilidade social no teu negocio II”.

O mércores SmartPeme ofrecerá un novo obradoiro: “Infografías: representa a información de maneira visual” con Lara Taboada, Titulada en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, no que amosará como se representan a información e os datos de forma visual mediante infografías. Converter a información en estímulos visuais pode ser clave para o éxito dixital.

O xoves pola tarde, Fátima Faílde voltará para ensinar os fundamentos básicos do packaging como un elemento primordial na estratexia da venta en liña e os primeiros pasos para preparar un pedido, no curso “Packaging, todo o que necesitas saber para o teu e-commerce”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 16 resultados.