SmartPeme imparte esta próxima semana tres novos obradoiros online

O programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre Woocommerce, márketing social e Intelixencia Artificial

03/04/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana tres novas accións formativas impartidas online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versarán sobre Woocommerce, márketing dixital e Intelixencia Artificial e serán impartidas de 12.00 a 13.00 horas.

As actividades comezarán o martes 5 cun obradoiro sobre “Woocomerce: a solución que buscabas para vender por Internet II” no que María Aller, máster en marketing dixital, continuará na liña do taller impartido a semana anterior falando desta ferramenta tan sinxela e intuitiva que permite montar unha tenda online cun catálogo.

O mércores 6 Adrián Fernández, con ampla experiencia e traxectoria profesional asesorando empresas no ámbito da comunicación e márketing dixital, falará sobre “Márketing social: estratexias dixitais para entidades do terceiro sector”. Farao nun obradoiro no que se revisarán as principais estratexias en liña, as ferramentas e as canles dispoñibles máis axeitadas para as entidades do terceiro sector.

A derradeira das formacións desta semana terá lugar o xoves 7 e será o inicio dun itinerario formativo no que Manuel Freire, experto universitario en robótica, impartirá contidos sobre “Intelixencia Artificial, iniciación con robots”. Estes obradoiros versarán sobre Intelixencia Artificial aplicada ao recoñecemento de imaxes.

 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.