SmartPeme imparte esta semana catro novas accións formativas

O programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre fabricación dixital, Google My Business, crear campañas de email e LinkedIn

20/06/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana catro novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como a fabricación dixital con laminador, promoción do negocio con Google My Business, como crear campañas de email para aloxamentos e como usar LinkedIn.

O martes 21 de xuño, Manuel Freire, experto universitario en Robótica, programación e Impresión 3D, será o encargado de impartir o obradoiro “Fabricación Dixital. Laminador resina preparación de impresións”. Este curso ten como obxectivo dar a coñecer e familiarizarse coas ferramentas implicadas no proceso de produción dixital. O taller consta de 50 horas de duración e inclúese no formato mixto, que combina formación en liña (30 horas) e prácticas presenciais no Fab Lab (20 horas) do Centro Provincial de Economía dixital no Viveiro de Empresas de Barro.

O mércores 22 , dobre sesión. Na quenda da mañá, Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Barcelona, conducirá o obradoiro “Promociona o teu negocio con Google My Business” no que a principal premisa é presentar esta ferramenta de Google, enfocada a negocios locais que busquen unha maior visibilidade. Na da tarde,  as 17h, a acción formativa será “Cómo crear campañas de email que capten máis reservas ao teu aloxamento”, un exercicio práctico de cómo realizar campañas de email márketing atractivas e que capten un maior número de reservas nos aloxamentos. Patricia Cabaleiro, posgraduada en Turismo pola USC, será a encargada de impartilo. Ambas accións levaranse a cabo de xeito telemático.

O derradeiro dos obradoiros terá lugar o xoves 23, a encargada de impartilo será María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. “Cómo usar LinkedIn para empresas e profesionais” con esta ferramenta amosará como crear un perfil profesional e unha páxina de empresa optimizada e como potenciar a nosa marca na rede profesional por excelencia.