SmartPeme imparte esta próxima semana tres novos obradoiros online

O programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre Instagram profesional, redes sociais para establecementos turísticos e Intelixencia Artificial

20/03/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana tres novas accións formativas impartidas online, enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática. As accións versarán sobre Instagram profesional, redes sociais para establecementos turísticos e Intelixencia Artificial.

As actividades comezarán o martes 22 cun taller impartido por Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais coa especialdiade de márketing e dirección comercial, que baixo o título de “Instagram profesional para triunfar coa túa empresa II” seguirá a estela do obradoiro impartido a semana pasada.

O día seguinte, o mércores 23, terá lugar o taller “Redes sociais para establecementos turísticos” no que Patricia Cabaleiro, postgraduada en Turismo con dez anos de experiencia no sector, afondará nas vantaxes e inconvenientes das redes sociais, cando usar cada unha e como usar Facebook, Instagram, Twitter e TikTok. Ademais, neste obradoiro daranse pinceladas doutras redes como TripAdvisor, Minube ou Pinterest.

Os obradoiros desta semana rematarán o xoves 24 cun taller titulado “Intelixencia Artificial II, clasificación e regresión” e impartido por Manuel Freire, experto universitario en robótica, que ten como obxectivo que as e os usuarios sexan capaces de configurar unha rede neuronal para as tarefas de clasificación de imaxes, recoñecemento de expresións faciais e o movemento autónomo dun robot de adestramento.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 11 resultados.