SmartPeme imparte esta semana cinco novos obradoiros

O programa de asesoramento tecnolóxico oferta cursos sobre debuxo 3D, TripAdvisor, Google Analytics, fabricación dixital e ciberdelincuencia

22/05/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta próxima semana cinco novas accións formativas mixtas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. As accións tratarán temas como a fabricación dixital con debuxo 3D e con filamento, a plataforma turística TripAdvisor, Google Analytics e a ciberdelincuencia na Internet.

O martes 24 e o xoves 26 Manuel Freire, experto universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, será o encargado de dirixir os obradoiros de fabricación dixital. O primeiro,  “Fabricación dixital. Debuxo 3D con Onshape III – Partstudio”  complementará as formacións das semanas anteriores sobre a utilización deste software 3D; o segundo, “Fabricación dixital. Laminador Cura I” dará a coñecer as tecnoloxías implicadas no proceso de fabricación dixital deseñando pezas en 3D. Ambos talleres constan de 50 horas de duración e inclúense no novo formato mixto, que combina formación en liña (30 horas) e prácticas presenciais no Fab Lab (20 horas) do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. O martes, as 17 horas de xeito telemático, Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas por la Universidades da Coruña, falará sobre “TripAdvisor. A plataforma perfecta para a túa empresa turística”. Trátase dunha das maiores plataformas de viaxes do mundo, unha ferramenta cada vez mais personalizada e social que permite aos viaxeiros compartir información e así mellorar a reputación das empresas turísticas repercutindo no volume de ventas.

O mércores 25, o taller “Primeiros pasos con Google Analytics 4” realiza unha primeira aproximación a esta ferramenta, fundamental para calquera sitio web. Porá de manifesto as diferenzas coa actual versión da aplicación e como configurala para comezar a  sacarlle partido. A encargada de impartir esta acción formativa é Esther Garcinuño, diplomada en Ciencias Empresariais,  que conta con máis de 8 anos de experiencia en deseño, desenvolvemento e dirección de proxectos web.

O derradeiro dos obradoiros será o xoves 26 as 17:oo horas. “Na mente do ciberdelincuente, protección ante estafas en Internet” é unha acción de colaboración entre o Nodo Galego de Ciberseguridade e a empresa Gradiant, que será a encargada de impartilo. Celebrarase de xeito presencial na sala de actos da segunda planta do Edificio Administrativo da Deputación de Pontevedra.