SmartPeme imparte esta semana catro novos obradoiros

O programa de asesoramento tecnolóxico ofrece cursos de debuxo 3D , deseño de imaxes para preimpresión e medios dixitais, fabricación dixital e utilización da ferramenta Power BI

13/06/2022

A Deputación de Pontevedra, a través de SmartPeme, oferta esta semana catro novas accións formativas impartidas de xeito online e presencial, enmarcadas na súa carteira de obradoiros. Os talleres tratarán temas como o debuxo 3D con Onshape e Assembly, deseño de imaxes para preimpresión e medios dixitais, fabricación dixital con impresoras de resina ou utilización do programa Power BI.

Este martes 14 de xuño pola mañá, Manuel Freire, Experto Universitario en Robótica, Programación e Impresión 3D, impartirá un obradoiro sobre fabricación dixital cos programas Onshape e Assembly. Nestes cursos en formato mixto, combínanse clases en liña e prácticas presenciais no Fab Lab do Centro Provincial de Economía Dixital no Viveiro de Empresas de Barro. O curso “Fabricación dixital. Debuxo con Onshape VI – Assembly II”, ten como obxectivo coñecer e familiarizarse coas ferramentas implicadas nun proceso de produción dixital.

O mércores 15 de xuño pola mañá, Lara Taboada, Titulada Superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, amosará os distintos aspectos sobre composición e deseño, ademais de diferenzas entre as imaxes que se subirán a contornas dixitais, ou as imaxes que se usan para un acabado de impresión, no obradoiro “Deseña e crea as túas imaxes para preimpresión e medios dixitais”.

O xoves 16 de xuño, ás 11:00h, terán lugar dous talleres. O primeiro será “Fabricación dixital. Impresoras de Resina”, un novo itinerario de Fabricación dixital que comezou en maio, e no que se combinan clases telemáticas e presenciais no Fab Lab de Barro, co obxectivo de que o alumnado teña contacto real con este tipo de tecnoloxías e sexa capaz de deseñar e fabricar unha peza en 3D. Esta acción formativa será impartida tamén por Manuel Freire.

No segundo obradoiro, Laureano Pérez Soto, CEO de Datasight Consulting impartirá “Power Bi, a ferramenta analítica para o noso negocio ou Peme”, no que explicará qué é este sistema, o seu funcionamento e a importancia dos datos na toma de decisións das pemes.