A Deputación dota a 14 concellos da provincia de totems interactivos que proporcionan información turística en tempo real ás persoas visitantes

Os paneis, instalados ao abeiro do proxecto europeo “Tourist  Inside”, aportan ademais aos municipios información relevante para a planificación e a toma de decisións relativa ás buscas realizadas, a afluencia de turistas ou a súa posible orixe

09/03/2023

A Deputación de Pontevedra vén de dotar a 14 concellos turísticos da provincia de totems interactivos que proporcionan información turística en tempo real do destino ás e aos visitantes ao abeiro do proxecto europeo “Tourist Inside”. Atópanse en Nigrán, Meis, Poio, Cuntis, Caldas de Reis, Cambados, A Illa de Arousa, Meaño, Ribadumia, Baiona, A Guarda, Salvaterra de Miño, Silleda e Pontevedra, todos eles concellos con oficinas de información turística adheridas á Rede Info Rías Baixas da institución provincial. A deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, visitou os elementos que veñen de ser instalados en Poio, concretamente na praza da Chousa de Combarro, e en Meis, no Mosteiro de Armenteira, a través dos cales se vai proporcionar información ás persoas visitantes sobre os puntos de afluencia turística e, por outra banda, aportar ao destino información relevante para a planificación e toma de decisións relativa ás buscas que as e os turistas fan, a afluencia de visitantes ou a posible orixe das e dos mesmos, tendo en conta para iso o idioma que empregan.

Os totems informativos complementan os que se instalaron xa o pasado verán ao abeiro de “Tourist Inside” no interior das oficinas de turismo dos 14 concellos nun proceso de impulso da dixitalización, que incluíu tamén a posta en marcha doutros sistemas interactivos como videowalls, monitores ou tablets. Ademais, dotouse ás oficinas de ferramentas para garantir a accesibilidade, como audioguías con linguaxe de signos, impresoras Braille ou puntos de información bucle magnético. Por outra banda, no marco deste programa europeo, converteuse Praia América, en Nigrán, nunha Smart Beach empregando a intelixencia e a transformación dixital para garantir un turismo sostible.

O obxectivo de “Tourist Inside”, que conta cun orzamento de 1.108.280 € e está financiado ao 60% por Red.es a través de fondos FEDER e ao 40% pola Deputación, é transformar o territorio nun destino intelixente. Ademais, busca mellorar a eficiencia enerxética e reducir a pegada de carbono asociada á actividade turística, fomentar a interoperabilidade coas distintas administracións e axentes, promover o acceso transparente e universal aos datos públicos do servizos, implantar ferramentas e sistemas baseados en estándares interoperables, impulsar métricas de medición da satisfacción da cidadanía e ao dos e das súas visitantes, o aforro de enerxía e a redución da pegada de carbono e xerar riqueza na contorna turística da provincia.

Galerias de imaxes