A xornada da Escola María Vinyals dá luz ás referentes femininas no emprendemento, a innovación e a transformación dixital

Máis dun centenar de mulleres responden á convocatoria da Deputación e da Cátedra da USC onde todas as poñentes destacaron que se o ODS 5 da igualdade segue sen cumprirse tampouco poderá facelo a Axenda 2030

20/09/2022

Xornada María Vinyals

Sacar á luz o imprescindible camiño que están a abrir as mulleres referentes nos eidos da innovación tecnolóxica, o emprendemento e a transformación dixital fronte ás desigualdades que seguen a marcar estes ámbitos foi o obxectivo da nova xornada promovida no marco da Axenda 2030 pola Deputación de Pontevedra e a Cátedra Iberoamericana da USC, que hoxe acolleu a Escola de Igualdade María Vinyals no Castelo de Soutomaior. A presidenta provincial, Carmela Silva, reclamou no foro que as mulleres ocupen a metade do espazo que lles pertence “nestes eidos fundamentais na construción do novo mundo que estamos a vivir” e destacou a necesidade  deste debate “para crecer e seguir creando redes coas que seguir a construír ideas e proxectos e poder transformar o mundo”. A nova cita da Escola, que tivo como broche final a participación da referente en Intelixencia Artificial Amparo Alonso, congregou no Castelo a máis dun cento de persoas, entre elas alumnado e docentes do IES Luis Seoane de Pontevedra, centro referente en igualdade.

Na súa intervención, Carmela Silva incidiu en que se non se cumpre o transversal ODS número 5 da igualdade –“e non se vai cumprir no 2030”-, non se poderá cumprir “ningún outro”. Lembrou neste senso que os datos sobre a presencia das mulleres en eidos como as novas tecnoloxías seguen a ser “intolerables”, e puxo como exemplo o descenso das matriculacións de mozas nas carreiras STEAM, “algo moi preocupante, porque se non estamos nesas titulacións que están a construír a nova relación humana, non vamos a estar dirixindo o mundo, dirixirano eles por nós”. Referiuse tamén ao feito de que as mulleres son maioría na universidade, teñen mellores resultados académicos e son tamén maioría as que aproban procesos selectivos para a administración pública, “pero logo non somos capaces de chegar aos lugares onde se lidera e toman as decisións –afirmou-, tanto no mundo da empresa, da administración ou nas novas tecnoloxías”. “Hai un sistema que nos impide pasar dese enorme coñecemento que acumulamos a dirixir o mundo en igualdade. Queremos ocupar o 50% pero póñennolo realmente difícil. A sociedade estase perdendo construír un mundo mellor”, sinalou.

Fronte a esta situación, a presidenta quixo poñer en valor o feito de que “si hai mulleres e potentísimas, que están aportando moito”. “Mulleres que están a ser capaces de construír equipos e unir diferentes miradas e capacidades, diferentes coñecementos desde os empresariais ata a xestión do público”, destacou. De aí a necesidade de dar visibilidade a estas líderes nos distintos eidos “para que as nenas e os nenos poidan ter referentes, moi particularmente as nenas”. Neste senso, louvou a presencia no Castelo do alumnado do IES Luis Seoane, “que van ter a estas grandes referentes para no futuro decidir a que se queren dedicar. Non esiximos máis que ter un gran abano para tomar decisións libres”.

Pola súa parte, María Cadaval, directora da Cátedra Iberoamericana, subliñou  que “a sociedade ten que darse conta de que sen o ODS 5 non se pode avanzar” e indicou que coa xornada de hoxe “imos ver que ese liderado das mulleres en todos os eidos que busca este obxectivo 5 é unha realidade, pero unha realidade agochada”. “O que queremos é enfocalas, poñerlles rostro e que as nenas e nenos vexan que hai referentes femininas en ámbitos masculinizados, non masculinos”, apuntou. Pola súa banda, a directora do evento, María Xosé Rodríguez-Galdo lembrou que as mulleres “levamos a innovación nos xenes, porque hai algo realmente innovador que son as amas de casa; se miramos cara atrás, sempre foi un traballo tremendamente innovador. Non é estraño que ás mulleres nos preocupe o tema da innovación, porque é un herdo que recibimos e que é moi importante que o proxectemos”.

“Innovación tecnolóxica e xénero” foi o tema central da primeira das mesas de debate, que coordinou a experta en transformación dixital no sector público Mar Rodríguez. Nela, María Camacho, directora de Negocio da firma Plexus TEC incidiu en que “temos que romper barreiras e ten que haber políticas que incentiven que as mulleres esteamos en todos os niveis das empresas tecnolóxicas” e puxo como exemplo o permiso de paternidade de 16 semanas. Ademais, lembrou a importancia de “encontros coma este, que son fundamentais e fanse moi pouco”. Pola súa banda, Berta Caro, directora de Desenvolvemento Corporativo de Tecalis, afondou na “transformación dixital, que xa está nas nosas vidas e na que debe haber mulleres para poder mellorala”. Tamén puxo o foco nas power skills “como a intelixencia emocional, a resiliencia ou xestión eficiente do tempo” que teñen “favorecido moitísimo a entrada das mulleres no sector”. Ana Malde, executiva de Accenture, falou do que supón “o momento da maternidade” para as mulleres traballadoras e deixou claro que “o fomento da igualdade ten que partir da administración pública, o seu papel é fundamental para poder combater a nosa discriminación nas empresas". Sandra Castro, executiva de contas de Fuell, subscribiu as palabras de Malde e engadiu que “as empresas temos unha responsabilidade enorme en romper estereotipos de xénero”. Tamén se referiu á importancia da “sororidade” e á loita contra o síndrome da impostora.

A segunda das mesas puxo de relevo distintas experiencias no “Emprendemento feminino e a innovación no sector primario”. Teresa Táboas, arquitecta e administradora de Sementares SL, manifestou que “ás veces tocamos na clave errada, e hai que interpretar a melodía destes tempos complexos na clave exacta de Re, Recuperar, Repensar e Revolucionar o rural coa forza das mulleres”. “Precisamos rachar –dixo- con esa diferenciación de rural e urbano. O momento actual precisa Reconducir esa diferenciación e falar só de territorio”. Sandra Amézaga, secretaria da Asociación Mulleres Salgadas, incidiu na ”falta de visibilidade” das mulleres do mar en Galicia, e neste senso lembrou a iniciativa do seu colectivo para crear un Observatorio Galego de Xénero do Sector Pesqueiro “que ofreza estatísticas e un diagnóstico deste sector, que é un descoñecido, e axude a implementar políticas adecuadas”. Pola súa banda, Elisa Rubí Cano, socia da Adegas Terra de Asorei e profesora de Química, apuntou que o gran déficit neste sector para as mulleres “está no mundo das persoas técnicas”. “No día a día no campo e o coidado da viña son homes –sinalou-. Hai enólogas, e nas bodegas van entrando mulleres, pero no sector do coidado da viña non”. E Silvia Chaves Freire, xerenta en Transportes e Madeiras Chaves, engadiu que no seu sector “queda moitísimo por traballar e hai que visibilizar ás mulleres que están, tanto en postos de xerencia como as condutoras, que cada vez son máis, para darlle a oportunidade a outras de atopar un nicho laboral”.

Pola tarde, a xornada continuou coas aportacións realizadas por tres mulleres emprendedoras que iniciaron os seus proxectos aliñadas coa universidade. Eva López Barrio, coordinadora do programa Innovatia 8.3 da Universidade de Santiago foi a moderadora da mesa na que Catalina Fernández de Ana, directora xeral de Hifas da Terra; Diana Lameiro, directora do Centro Lingoreta e Vanesa Redondo, promotora de Proplantaee, amosaron a súa experiencia profesional neste eido.

Conferencia de Amparo Alonso

A clausura da xornada correu a cargo da catedrática e autoridade en materia de Intelixencia Artificial en España, Amparo Alonso, quen defendeu xa no seu título que “a IA debe ser feminista”. Na charla, incidiu en que “a tecnoloxía non é inocua en cuestións de xénero e que podemos encontrarnos con algoritmos e moitas veces con conxuntos de datos do mundo real, que están nesgados, xa que a sociedade está nesgada”. “É importante –apuntou- que teñamos isto en conta, para ‘vixiar’ que os sistemas de Intelixencia Artificial non dean resultados nesgados, que perpetúen ou mesmo fagan crecer as desigualdades de xénero”. Sinalou que esta é unha das consideracións que se tratan na regulación que se está a construír na Unión Europea, “da que se ocupará tamén a futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial da que se fala estes días nos medios”.

Alonso referiuse ao custe económico da desigualdade na economía ao subliñar que a igualdade “é un valor fundamental da Unión Europea” e a súa mellora ”podería levar a un incremento no PIB de ata 3,15 trillóns de euros en 2050”. Neste senso lembrou que “no 66% das empresas TIC non hai mulleres directivas” e apuntou que “en 2021 o 45% dos empregos estaban relacionados co ámbito dixital”. A catedrática puxo a vista no 2025, cando o 84,6% do emprego da Unión Europea e o 69,8% en España “será realizado por persoas con formación media e alta en tecnoloxía”. Así, destacou a necesidade de “incluír a informática na educación dende as primeiras etapas, sensibilizar ao profesorado sobre o xénero nas TIC ou visibilizar a profesionais que sirvan como referentes”. A charla tamén versou sobre os nesgos de xénero na linguaxe como o uso e a tipoloxía de metáforas empregadas, as descricións nesgadas ou o grao de presencia e ausencia das mulleres nos textos escritos.

Ligazóns de interese

Galerias de imaxes

videos

Noticias relacionadas

 
		A Deputación eríxese como un referente na implantación dos ODS coa celebración do Consello de Goberno da Rede da Axenda 2030

A Deputación eríxese como un referente na implantación dos ODS coa celebración do Consello de Goberno da Rede da Axenda 2030

Carmela Silva: “O desenvolvemento da Axenda 2030 é fundamental, é a folla de ruta para cambiar un mundo complexo, e para cumprila debe impulsala o mundo local como xa está a facelo”

 
		O castelo de Soutomaior converterase este martes no epicentro do feminismo cunha xornada da Escola María Vinyals sobre emprendemento e innovación

O castelo de Soutomaior converterase este martes no epicentro do feminismo cunha xornada da Escola María Vinyals sobre emprendemento e innovación

A Deputación e a Cátedra Iberoamericana da USC organizan unha xornada na que 17 expertas tratarán temas como a transición ecolóxica ou a intelixencia artificial ante máis dun cento de persoas que esgotaron as prazas dispoñibles

 
		O emprendemento e a innovación con nome de muller centrarán o día 20 a xornada da Escola María Vinyals e a USC no marco da Axenda 2030

O emprendemento e a innovación con nome de muller centrarán o día 20 a xornada da Escola María Vinyals e a USC no marco da Axenda 2030

Máis de dez horas de debate e unha vintena de expertas para visibilizar no Castelo de Soutomaior o gran papel de moitas mulleres e a importancia de cumprir co ODS 5 da igualdade “o máis transversal da Axenda”