A Escola de Igualdade María Vinyals abre a súa programación deste ano reunindo no Pazo Provincial ás mulleres do audiovisual galego

“Produtora executiva e directora, elección ou necesidade” é o título da iniciativa, organizada con AGAPI , que se celebrará o mércores 27 no Pazo Provincial da Deputación

21/04/2022

Cartel da xornada “Produtora executiva e directora, elección ou necesidade?”

O Pazo Provincial da Deputación será novamente o próximo mércores 27 de abril epicentro da igualdade, da vangarda e do dinamismo do audiovisual galego coa xornada “Produtora executiva e directora, elección ou necesidade?”, organizada en colaboración con AGAPI e enmarcada na Escola de Igualdade María Vinyals. A primeira xornada do ano da programación da Escola comezará ás 18.00 horas coa proxección de “Elas, produtoras executivas” que vén de rematar AGAPI recentemente e que se verá por vez primeira no Pazo. Trátase dun audiovisual de 26 minutos de duración onde se pon en valor o traballo das produtoras executivas contado en primeira persoa. A peza, que ten por obxectivos o empoderamento das mulleres, busca establecer referentes femininos de éxito da produción audiovisual.

Trala proxección do documental terá lugar a mesa de debate “Produtora executiva e directora, elección ou necesidade?” na que intervirán produtoras e directoras da talla de Chelo Loureiro, Paula Cons, Jaione Camborda e Ruth Cao moderadas por Uxía Caride, xerenta de AGAPI. Nela, e dende a testemuña directa de mulleres afeitas a traballar en posicións oscilantes entre a creatividade e a produción, debaterase sobre a dicotomía á que se enfrontan as mulleres á hora de traballar na produción executiva dun proxecto, tendo ás veces que elixir entre producir ou dirixir, ou mesmo exercer a “multitarefa” por necesidade. Na mesa de debate tamén se afondará na posición das mulleres no audiovisual que, pese a vivir un momento de esplendor creativo, seguen a estar invisibilizadas, sobre todo en relación ao seu nivel de desempeño en labores tan importantes como a produción executiva ou a dirección.

Aínda quedan prazas dispoñibles para asistir á xornada. As persoas interesadas poden formalizar a reserva en https://www.depo.gal/-/produtora-executiva-e-directora-eleccion-ou-necesidade .

Galerias de imaxes