A Banda da Loba actuará no Grove este martes 25 de xullo no marco do programa da Deputación Musigal

O grupo ofrecerá, neste Día de Galicia, un concerto na praza do Corgo ás 21:30 horas

24/07/2023

O programa provincial Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia, chega este martes, 25 de xullo, Día de Galicia, ao Concello do Grove coa actuación do grupo A Banda da Loba. O concerto terá lugar na Praza do Corgo da vila ás 21:30 horas.

A Banda da Loba, formada por cinco mulleres (Andrea, Estela, Inés, Marcela e Xiana), é unha das formacións máis consolidadas do panorama musical galego actual. Coa poesía e a lingua como referentes, ofrecen composicións propias con letras tamén súas ou inspiradas nos poemarios de escritores/as clásicos/as e contemporáneos como Rosalía, Celso Emilio, Celia Parra, Andrea Nunes ou Rosalía Fernández Rial.

En 2017 publicaron o seu primeiro traballo discográfico, Bailando as rúas, co que acadaron un gran éxito, dando máis de setenta concertos en ano e medio. Posteriormente lanzaron Fábrica de luz, un traballo de creación, reflexión e homenaxe en torno ás nais e o EP Hasme oír, dedicado a Xela Arias, con catro cancións baseadas na obra da autora. O seu último traballo é Xabón Lagarta (2022) inspirado no universo vital das lavandeiras. O grupo conta no seu haber con varios premios, como o Aritmar Galicia e Portugal á Mellor Canción en Lingua Galega, que compartiron con Salvador Sobral como gañador á Mellor Canción en Lingua Portuguesa, ou o Martín Códax da Música Galega na categoría de pop/indie no 2021.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 17 resultados.