A Deputación licita a reparación das beirarrúas da EP-2802 no acceso a Calvos, en Fornelos de Montes

As actuacións apostan pola accesibilidade universal e comprenden traballos como a renovación da sinalización ou a instalación dunha varanda urbana

01/03/2022

Visita a Fornelos de Montes

A EP-2802 que dá acceso a Calvos, en Fornelos de Montes, verá reparadas as súas beirarrúas tras unha serie de actuacións que a Deputación vén de sacar a licitación cun orzamento de 74.500 euros, que serán financiados pola institución provincial. As empresas que desexen presentar ofertas para levar a cabo este proxecto teñen de prazo ata o 16 de marzo. Coas obras, que contan cun prazo de execución de tres meses, búscase a mellora dos itinerarios peonís en todo o ámbito de actuación apostando así pola accesibilidade universal. Deste xeito, as actuacións seguen o modelo de mobilidade amable, segura e sostible que a Deputación está a implantar en toda a provincia.

Máis polo miúdo, esta reparación levarase a cabo demolendo e levantando o pavimento da beirarrúa de baldosa existente que se atopa en mal estado e executando no seu lugar un novo paquete de firme. As obras tamén comprenden a substitución dos bordos que se atopan en mal estado, a renovación da sinalización horizontal en todo o treito de actuación, a instalación dunha varanda urbana e o pintado de farois.

Os traballos que se realizarán na EP-2802 están en consonancia co decálogo de actuacións nas estradas provinciais, no que se potencia unha boa conservación do patrimonio viario provincial con actuacións como a mellora do firme, a sinalización, as rozas e limpezas de cunetas e a iluminación. Este decálogo rexe as actuacións que se realizan nas 377 estradas provinciais que contan con aproximadamente 1.700 quilómetros de lonxitude total.