Baños de bosque en Tambo na primeira das seis rutas á illa previstas pola Deputación ata o mes de agosto

As persoas participantes desfrutaron este domingo dos espazos naturais e patrimoniais da illa, recuperada para a xente o pasado ano

23/04/2023

Illa de Tambo

Unha ruta de 2,5 quilómetros, hora e media de duración e dificultade baixa por un enclave natural e histórico cheo de espazos para desfrutar con toda a intensidade dos baños de bosque. Así foi este domingo o percorrido do programa provincial “Bosques Terapéuticos” pola Illa de Tambo, sen lugar a dúbidas o máis demandado desde que a Deputación incluíu este espazo nas rutas para desfrutar desta experiencia de lecer e cultural. Hoxe celebrouse, coas prazas esgotadas, a primeira das seis saídas previstas ata agosto neste espectacular espazo da Ría de Pontevedra, ao que as persoas participantes chegaron desde o porto de Combarro onde tamén estivo o deputado provincial Gregorio Agís.

Sempre coas pautas da camiñada en silencio, a desconexión dos móbiles e a respiración profunda para desfrutar do momento e sentirse parte da experiencia, Sergio Portela e Siegrun Bischof guiaron o percorrido por esta illa, que abrangue unha extensión total de 28 hectáreas e acada unha altitude de 80 metros no alto de San Facundo. No que atinxe á vexetación, o espazo acusa unha forte presenza de eucalipto e acacia, pero aínda así é un lugar especial para encontrarse con elementos naturais fermosos, como é o caso da praia Area Grande e o seu sistema de dunas, “que son preciosos de sentir”. Tamén destacan os taffonis e o patrimonio construído é abundante e inclúe o faro, restos dun lazareto e un albergue, un polvorín e os peiraos.

As prazas para a vindeira visita a Tambo, prevista para o 20 de maio, xa están esgotadas, ao igual que as restantes 90 das outras sete rutas programadas para o vindeiro mes na Fervenza do Toxa (día 6); o Lago de Castiñeiras (días 7 e 13), a Carballeira de San Xusto (14), a Ruta da Pedra e da Auga (21), o Río Eifonso (27) e a Ponte Colgante do Lérez (día 28). Pero aínda quedan outros catro percorridos previstos na illa pontevedresa os días 25 de xuño, 2 e 22 de xullo e 6 de agosto. Para o primeiro caso, a inscrición abrirase o día 15 de maio ás 9 horas a través do formulario na web da Deputación, mentres que para as visitas de xullo o prazo comeza o 12 de xuño e para as de agosto, a inscrición comeza o 17 de xullo.

Galerias de imagenes

— 3 Resultados por página
Mostrando el intervalo 1 - 3 de 5 resultados.