As cadelas ”Tina” e “Tralalá” atopan un novo fogar tras ser intervidas e recuperarse das súas fracturas no CAAN

Ambas chegaron hai uns meses ao Centro de Acollida de Animais da Deputación de Pontevedra con feridas probablemente derivadas de atropelos e foron adoptadas en Ponteareas e Pontevedra

15/10/2023

Tina

As cadelas “Tina” e “Tralalá”, que chegaron en condicións moi delicadas ao CAAN da Deputación de Pontevedra, acaban de abandonar as instalacións da Armenteira rumbo aos seus novos fogares nos concellos de Ponteareas e Pontevedra tras recuperarse nos últimos meses das súas patoloxías e de intervencións cirúrxicas practicadas no centro. “Tina” e “Tralalá” súmanse así aos máis de 450 cans e cadelas que neste 2023 lograron a adopción desde o centro.

Ambas cadelas chegaran ao centro con fracturas consecuencia dun probable atropelo. Aínda que no caso de “Tina” a súa situación era máis grave, pois cando foi recollida en xuño en Mos polo persoal do CAAN, ademais destas lesións, presentaba un estado practicamente comatoso froito do seu abandono. Esta cadela mestiza, de 8 anos de idade, estaba desnutrida, tiña unha otitis e garrapatas, e presentaba así mesmo unha fractura de cúbito y radio da extremidade anterior esquerda.  Desta lesión foi intervida no Centro da Deputación para a redución e estabilización o 30 de xuño e, dende entón, a súa recuperación foi un éxito. De non camiñar cando chegou hai cinco meses, saíu do CAAN en perfectas condicións tras ser adoptada por un veciño de Ponteareas.

Por outra banda, “Tralalá” foi recollida en Meaño no mes de agosto, cando esta cadela mestiza contaba con 10 meses de idade, e presentaba unha fractura distal do úmero da extremidade anterior esquerda. Para a súa recuperación precisou dunha intervención cirúrxica coa colocación dunha placa e parafusos de bloqueo, operación que tivo lugar o 25 de agosto. A cadela recuperouse tamén satisfactoriamente e puido saír hai días do CAAN cara ao seu novo fogar en Cerponzóns, no municipio de Pontevedra.