O Ciclo Mestre Mateo pecha as proxeccións de Baiona co pase este venres do filme “Unicorn wars”

O filme, galardoado como mellor longametraxe de animación nos premios do audiovisual galego, exhibirase no multiúsos de Sabarís ás 21 horas

11/10/2023

O multiúsos de Sabarís, no concello de Baiona, acollerá este venres 13 de outubro a última das proxeccións neste concello da segunda edición do Ciclo Mestre Mateo, promovido pola Academia Galega do Audiovisual e pola Deputación, para achegarlles as longametraxes de ficción e os documentais finalistas dos premios do audiovisual galego aos concellos da provincia. Deste xeito, o multiúsos de Sabarís será escenario, ás 21  horas, do pase do filme Unicorn Wars, galardoado como mellor filme de animación na última gala dos Mestre Mateo.

Con guión e dirección de Alberto Vázquez e con Chelo Loureiro, Iván Miñambres e Nicolas Schmerkin na produción, esta película recibiu o pasado 2022 o Goya á mellor película de animación e tamén foi finalista este ano nos galardóns do audiovisual galego nas categorías de mellor dirección, dirección de arte, guión, montaxe e son. A historia arranca co exército osiño adoutrinando novos recrutas para conducilos á guerra que iniciaron contra os unicornios, porque cren que ameaza a seguridade da súa vila. Nese grupo inexperto están os protagonistas, os irmáns Azuliño e Gordi, que xunto aos seus compañeiros serán enviados a unha perigosa misión para salvar o Bosque Máxico.

Con Unicorn Wars rematan as proxeccións do Ciclo Mestre Mateo en Baiona, despois da exhibición ao longo dos últimos meses dos filmes María Casares, a muller que viviu mil vidas e O corpo aberto, recoñecidas, respectivamente, como mellor documental e mellor longametraxe na última edición dos Mestre Mateo, así como dos documentais Onde máis doe (dirixido por Manane Rodríguez, 2022), A Foreign Song (César Souto) e No somos nada (Javier Corcuera), a película de animación Valentina (Chelo Loureiro) e as longametraxes Live is Life (Dani de la Torre) e Código emperador (Jorge Coira). A programación continúa a desenvolverse nos concellos da Guarda, A Estrada, O Grove e Caldas de Reis.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 8 resultados.