Arranca en Vigo a sétima edición dos cursos de español para persoas inmigrantes promovidos pola Deputación

Este luns iniciáronse na sede da institución provincial de Vigo as dúas accións previstas na cidade

22/05/2023

Cursos de español

Dezanove persoas de oito nacionalidades iniciaron este luns en Vigo a sétima edición dos cursos de español para persoas inmigrantes, unha actividade formativa gratuíta que ten por obxectivo que as e os participantes superen as probas do exame DELE A2 do Instituto Cervantes, indispensable para que logo poidan solicitar a nacionalidade española. A deputada provincial Ana Laura Iglesias animou esta mañá na sede provincial de Vigo ás e aos participantes deste primeiro curso, que proceden de Brasil (7), Marrocos (5), Ucraína (2), Senegal (1), Nixeria (1), Rusia (1), Libia (1) e Mozambique (1), a conseguir este obxectivo. Ata o 16 de xuño recibirán a formación por parte do persoal do Centro de Linguas da Universidade de Vigo, entidade coa que a Deputación promove esta iniciativa para facilitar ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título e apoiar así a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito.

Nesta tarde tamén comezará en Vigo o segundo dos cursos, que igualmente se celebrará ata o 16 de xuño de 15 a 17 horas, no que participan outras 14 persoas de Senegal (6), Marrocos (4), Brasil (3) e Ucraína (1). E do 19 de xuño ao 12 de xullo celebrarase en Pontevedra a terceira das accións formativas, coa asistencia de 17 persoas de Marrocos (7), Brasil (6), Ucraína (2) e Ghana (2). Neste 2023 foron un total de 93 as solicitudes para asistir a estes cursos, que teñen 40 horas de duración, están dirixidos a persoas inmigrantes maiores de 16 anos que se atopan en situación regular en España, están empadroadas nalgún dos concellos da provincia e teñen coñecementos básicos da lingua española.  

A metodoloxía da formación baséase no emprego de supostos prácticos, simulacros de exame e no desenvolvemento de destrezas e estratexias para rendibilizar os coñecementos e adaptalos ao tempo de duración da proba. Ao finalizar as tres edicións, o alumnado dos cursos poderá presentarse ao exame do DELE A2 levado a cabo polo Instituto Cervantes en Vigo, que terá lugar o 8 de setembro.