A compañía De Ste Xeito actúa este sábado en Valga da man do ciclo teatral da Deputación

O grupo porá en escena a comedia “Backup. A resurrección de Nuno” no marco do programa “Tornar ás táboas” nunha función con entrada libre ata completar a capacidade

13/10/2023

O auditorio municipal de Valga acollerá este sábado 14 de outubro a actuación da compañía De Ste Xeito, que porá en escena a obra Backup. A resurrección de Nuno, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A función dará comezo ás 20 horas e a entrada será libre ata completar a capacidade.

A obra está dirixida ao público mozo e adulto e, como sinala a compañía, é unha “comedia post mortem” que amosa, a través dun humor ácido, a posibilidade de poder resucitar a alguén amado. A historia arranca no funeral do avó Nuno, no que a súa familia coñece que o seguro contratado polo falecido ofrece a posibilidade de resucitalo dixitalmente a través dun innovador dispositivo de intelixencia artificial. Mentres tanto, gozarán dunha semana nun complexo de vacacións de alta tecnoloxía. Inicialmente é a matriarca, Sabela, a que decide como e cando usar o dispositivo que lles permite aos familiares conectarse neuronalmente a Nuno e reencarnalo. Pero, pouco a pouco, a resurrección de Nuno vai tomando terreo por si mesma, dando lugar a que saian a flote conflitos e segredos familiares que enfrontan a cada membro deste clan con dilemas que resolver e verdades que asimilar.

De Ste Xeito é unha produtora galega de espectáculos teatrais, baseada na unión da creación e a realización artística de calidade. As súas propostas escénicas interrogan sobre a identidade do individuo e o seu maior eixe de investigación son as relacións e como estas cambian as persoas, sempre desde unha visión crítica e cunha  perspectiva humanista e integradora.

Co ciclo teatral “Tornar ás táboas”, a Deputación de Pontevedra vailles achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos. 

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.