A Deputación celebra o Día Europeo da Música en Pontevedra e Vigo “para xirar o mundo”

A institución celebra o mércores 21 un concerto familiar en Pontevedra con Pitusa Semifusa e outro na Porta do Sol de Vigo a cargo de Nastasia Zürcher e The Beauty-Full Band

14/06/2023

Día Europeo da Música

A Deputación de Pontevedra celebrará o mércores 21 de xuño o Día Europeo da Música baixo o lema “Música para xirar o mundo!” con dúas accións no espazo público das cidades de Pontevedra e Vigo. As accións comezarán no exterior do Pazo provincial, en Pontevedra, ás 17:30 horas co concerto familiar encabezado por Pitusa Semifusa, e continuarán na Porta do Sol de Vigo, ás 20:00 horas, con outro concerto a cargo de Nastasia Zürcher e The Beauty-Full Band, este último xa enfocado ao público xeral. As persoas interesadas en asistir poden confirmar asistencia no correo electrónico participa.cultura@depo.gal para asegurar a súa cadeira.

Con “Música para xirar o mundo!” a institución provincial propón unha viaxe a través de diferentes estilos e xéneros para trasladar o público a outros lugares, escoitar, aprender e gozar da variedade musical de todo o mundo. Así, a Deputación celebra unha disciplina artística que ten a capacidade de facer bailar, cambiar os estados de ánimo das persoas, alternar os sentidos e polas en movemento cunha forza que une, estimula e fai crer que, con ela, pódese xirar o mundo.

Pitusa Semifusa en Pontevedra e Nastasia Zürcher e The Beauty-Full Band en Vigo

Pitusa Semifusa é un espectáculo a dúo composto por voces, piano e pandeireta dirixido á rapazada e que amosa os instrumentos musicais dunha maneira divertida para achegar o rock, o funky ou o reggae. O espectáculo xira arredor das cancións, compostas por Olga Brañas, protagonizadas por unha nena neta dunha directora de orquestra que, ao herdar un gramófono, sente curiosidade por coñecer todos os instrumentos.

Nastasia Zürcher, acompañada de The Beauty-Full Band, presentará en Vigo o seu terceiro álbum de estudo, ‘But Life is Beauty Full’, unha escolma de temas propios da artista galego-suíza con ritmos do neo-soul, agro-funk e pop-folk en galego, castelán, inglés e francés. A artista consagrouse como Artista do Ano nos Premios Martín Códax da Música 2022, onde tamén acadou o premio ao mellor proxecto de blues, funk e soul.