A rapazada de Pontevedra “Xira o mundo” dende o Pazo Provincial para celebrar o Día Europeo da Música

O espazo dos xardíns de Vicenti encheuse para desfrutar do concerto para público familiar protagonizado por Pitusa Semifusa

21/06/2023

Toda unha viaxe por diferentes estilos con “Música para xirar o mundo!”. Como non podía ser doutra forma, cun concerto para todos os públicos protagonizado por Pitusa Semifusa, a Deputación celebrou hoxe o Día Europeo da Música no exterior do Pazo Provincial. A escalinata traseira cara os xardíns de Vicenti, no Parque das Palmeiras de Pontevedra, encheuse para conmemorar a todo ritmo esta efeméride, na que o dúo formado por Olga Brañas, pianista e creadora do proxecto, e a cantante Andrea Picos, caracterizada como a personaxe de Pitusa Semifusa, amosou á cativada, toda a gama de instrumentos dun xeito divertido. Ao espectáculo asistiron as deputadas en funcións Victoria Alonso, Noemí Outeda e Raquel Giráldez e o deputado en funcións Gregorio Agís.

O espectáculo “Pitusa Semifusa” (voces, piano, pandeireta), baseado nos libros de Olga Brañas e coas cancións da súa autoría, achegou o rock, funky ou reggae ao público máis novo para celebrar o Día Europeo da Música. O espectáculo xirou en torno a unha nena chamada Pitusa, neta dunha famosa directora de orquestra e que, logo de herdar dela un gramófono, sinte curiosidade por coñecer todas as familias de instrumentos. Ao longo das distintas cancións, Pitusa Semifusa foi avanzando polos pentagramas de todos os instrumentos, de tal xeito que a medida que foron avanzando os temas, fóronse incorporando máis e máis ata rematar nunha completa festa musical.

Con “Música para xirar o mundo!” a Deputación propuxo unha viaxe para trasladar o público a outros lugares, amais de escoitar, aprender e gozar da variedade musical, celebrando esta disciplina artística que ten a capacidade de facer bailar, cambiar os estados de ánimo das persoas e polas en movemento cunha forza que une, estimula e fai crer que, con ela, pódese xirar o mundo.

videos