A Deputación fai vibrar a Porta do Sol de Vigo coa música de Nastasia Zürcher e The Beauty-Full Band

O concerto celebrado na cidade forma parte das accións coas que a Deputación conmemorou o Día Europeo da Música co lema “Música para xirar o mundo!”

21/06/2023

Día Europeo da Música co lema 'Música para xirar o mundo!'

A Porta do Sol volveuse esta tarde o epicentro da Terra para facer xirar o mundo a través da música. A Deputación celebrou neste espazo público, en pleno centro de Vigo, unha acción conmemorativa polo Día Europeo da Música, baixo o lema “Música para xirar o mundo!”, e que consistiu nun concerto capitaneado por Nastasia Zürcher acompañada da The Beauty-Full Band. Ao recital, ao que se achegaron centos de veciñas e veciños da cidade e da contorna para gozar da cultura na rúa, asistiron a presidenta en funcións, Carmela Silva, e mais o alcalde de Vigo, Abel Caballero.

Nastasia Zürcher e The Beauty-Full Band presentou en Vigo o seu terceiro álbum de estudo, ‘But Life is Beauty Full’, unha escolma de temas propios da artista galego-suíza con ritmos do neo-soul, agro-funk e pop-folk interpretados en catro idiomas: galego, castelán, inglés e francés. A artista consagrouse como Artista do Ano nos Premios Martín Códax da Música 2022, onde tamén acadou o premio ao mellor proxecto de blues, funk e soul, cun dos proxectos máis interesantes do panorama musical galego. O de Zürcher foi un espectáculo potente, enérxico e luminoso, cheo de matices, de clímax e de swing, que levou a viaxar polo mundo das emocións a ritmo de soul e funk, con melodías pegadizas e letras catárticas cantadas.

Co seu terceiro disco, a artista consolida unha carreira profesional baseada na liberdade creativa como motor de florecemento e perfila unha proxección nacional e internacional que xa se deixou intuír cando representou a Galicia en Holanda no festival Liet Internacional 2018, onde recibiu dous galardóns co tema en galego ‘Espertos’. Anteriormente, a artista xa participara noutros proxectos de cultura e igualdade da Deputación como “Violencia Zero” ou “Camiño a Dentro”.

A través de “Música para xirar o mundo!” a institución provincial propuxo este ano unha viaxe a través de diferentes estilos e xéneros para trasladar o público a outros lugares, escoitar, aprender e gozar da variedade musical de todo o mundo. Así, a Deputación celebrou unha disciplina artística que ten a capacidade de facer bailar, cambiar os estados de ánimo das persoas, alternar os seus sentidos e polas en movemento cunha forza que une, estimula e fai crer que, con ela, pódese xirar o mundo.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.