Máis de 500 persoas participan esta semana no programa da Deputación “En Ruta coa Depo”

Veciños de Arbo, A Estrada, Gondomar, Marín, Mondariz, Mos, As Neves, Salceda, Tomiño e Vigo participan en 10 saídas para coñecer lugares singulares da provincia os días 5 e 6 de agosto

02/08/2023

A Deputación de Pontevedra organiza esta semana 10 saídas no marco do programa provincial “En Ruta coa Depo”, unha iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Arbo, A Estrada, Gondomar, Marín, Mondariz, Mos, As Neves, Salceda de Caselas, Tomiño e Vigo mobilizarán un total de 540 persoas (54 cada unha) para coñecer emblemas da provincia como a Illa de Ons, Portonovo, as Illas Cíes, o barrio mariñeiro do Berbés, a Illa de San Simón ou a Ruta das Maceiras da Estrada.

5 entidades da provincia sairán con “En Ruta coa Depo” este sábado 5 de agosto. A Asociación de Veciños de Forcadela, de Tomiño, e a Asociación Anpas Landras, de Salceda, viaxarán á Illa de Ons e á localidade mariñeira de Portonovo (Sanxenxo). Ademais, as Illas Cíes e o barrio mariñeiro vigués do Berbés recibirán a visita de tres colectivos: a Asociación de Veciños de Santa Apolonia de Guimarei, da Estrada, a Asociación de Nai e Pais de Alumnos do CEIP Peña de Francia, de Mos, e a Asociación Veciñal Cultural e Deportiva de Cernadela, de Mondariz.

O día seguinte, o domingo 6, terán lugar as outras 5 rutas da semana. Membros da Asociación de Veciños e Amigos Kenchodiría de Barcela, en Arbo, e da Asociación de Veciños Laberinto de Mogor de Marín, descubrirán a Illa de Ons e a localidade mariñeira de Portonovo. A Asociación Cultural San Roque de Morgadáns de Gondomar e a Asociación de Veciños San Cibrán de Ribarteme, das Neves, realizarán a ruta “Camelias señoriais e Ruta das Maceiras” na que visitarán os pazos de Lourizán e Gandarón (Pontevedra) e mais o pazo de Oca e a Ruta das Maceiras de Callobre (A Estrada). Por último, a Asociación Veciñal, Cultural e Deportiva de Cabral, en Vigo, viaxará ata a Illa de San Simón nunha ruta que parará tamén no Castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio (Pontevedra) e o Museo Meirande de Redondela.

A través de “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra ofrece 33 rutas temáticas nas que este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar a iniciativa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social. O programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús, unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia, e mais un xantar.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.