Preto de 400 persoas percorrerán a provincia estes días co programa da Deputación “En ruta coa Depo”

Veciñas e veciños de Cangas, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Silleda, Tomiño e Covelo participarán en sete saídas para coñecer lugares singulares da provincia de Pontevedra

21/08/2023

A Deputación de Pontevedra organizará os próximos días sete saídas no marco do programa provincial “En ruta coa Depo”, unha iniciativa que lles ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Entidades dos concellos de Cangas, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Redondela, Silleda, Tomiño e Covelo mobilizarán preto de 400 persoas (378 participantes, 54 de cada entidade) para coñecer emblemas da provincia coma o santuario de Santa María da Franqueira na Cañiza, a illa de Tambo, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, o barrio mariñeiro vigués do Berbés ou dar un paseo pola ría de Arousa en barco.

Este mércores 23 de agosto a Asociación de Pensionistas de Ariño-Aldán sairá desde Cangas para coñecer o santuario de Santa María da Franqueira na Cañiza, o Centro de Interpretación da Cera en Covelo e o Museo do Viño en Salvaterra de Miño.

A Asociación DOA Saúde Mental de Vigo e a Asociación de Mulleres Rurais de Fontecarmoa de Vilagarcía de Arousa realizarán o xoves 24 de agosto a ruta da cultura mariñeira, que inclúe unha visita ao mosteiro de Poio, á illa de Tambo e ao núcleo de Combarro.

O venres 25 de agosto sairán catro entidades da provincia con “En Ruta coa Depo”: a Asociación Centro Social Cultural e Recreativo de Cedeira de Redondela fará un percorrido pola ría de Arousa (illa da Toxa, paseo con degustación en barco e visita ao Museo Salgadeiras de Moreiras no Grove); a Asociación de Veciños de San Miguel de Lamela sairá desde Silleda para coñecer a illa de San Simón, o castelo de Soutomaior, Ponte Sampaio e o Museo Meirande de Redondela; pola súa parte, a Asociación Cultural Recreativa San Salvador de Sobrada de Tomiño visitará as illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés en Vigo; e, por último, o Club Covelo de Patinaxe Artística coñecerá o parque natural do río Barosa en Barro, o Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, as fervenzas de Raxoi e Pedrafita, e a área recreativa e a praia fluvial de Valga.

A través de “En ruta coa Depo” a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social dos colectivos sociais da provincia a través de 33 rutas temáticas nas que este ano participarán preto de 20.300 persoas e case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas fináncianse ao 100 %, co obxectivo de achegarlles o programa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.