Máis de 100 persoas participarán esta fin de semana no programa da Deputación “En Ruta coa Depo”

Veciños de Caldas de Reis e O Porriño tomarán parte en dúas saídas o sábado 29 de xullo para coñecer lugares singulares da provincia

26/07/2023

A Deputación de Pontevedra organiza a próxima fin de semana dúas saídas no marco do programa “En Ruta coa Depo”, iniciativa que ofrece aos colectivos sociais da provincia a posibilidade de pasar un día de convivencia, ocio e tempo libre en lugares emblemáticos do territorio provincial. Participarán en total 108 persoas da Asociación de Mulleres Rurais e culturais Santa Mariña, da parroquia de Carracedo (Caldas de Reis), e da Asociación de Amas de casa, Consumidores e Usuarios “Rosais” (O Porriño) , que visitarán as Illas Cíes e o barrio mariñeiro do Berbés. Os participantes desprazaranse en barco ata este territorio do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, onde poderán desfrutar dun almorzo tipo pícnic e estarán acompañados en todo momento por un guía, que lles contará a historia dos lugares que visiten.

A través do programa “En Ruta coa Depo”, a Deputación de Pontevedra fomenta a participación, a convivencia e a cohesión social das entidades sociais a través de 33 rutas temáticas nas que  este ano se darán cita preto de 20.300 persoas de case 400 asociacións da provincia. Todas as prazas do programa, que conta cun orzamento próximo aos 480.000 euros, están subvencionadas pola institución provincial. Delas, 300 prazas son financiadas ao 100% co obxectivo de achegar a iniciativa ás persoas con dificultades económicas ou en risco de exclusión social.

Por outra banda, “En ruta coa Depo” tamén impulsa a igualdade de oportunidades para os colectivos con discapacidade, ofrece alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da provincia e promove rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias das familias. O programa inclúe o desprazamento de ida e de volta en autobús desde os puntos establecidos nos concellos, unha visita guiada cunha persoa habilitada como guía de turismo especializada de Galicia, e un xantar.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.