O certame “Novos Valores” do Museo premia catro obras de artistas noveis e inaugura mañá a exposición coas 20 pezas finalistas

Sandra Barreiro Parquiña, Antía Iglesias Fernández, Andrés Sanjurjo García e Lucía Perdiz Dávila son as creadoras e o creador noveis das pezas premiadas polo xurado

12/07/2023

Xurado Novos Valores 2023

O xurado do certame de Artes Plásticas Novos Valores do Museo de Pontevedra elixiu esta semana as obras gañadoras da edición de 2023: son as obras ‘1851-1888 – 1900’ (técnicas pictóricas mixtas en impresión reactiva sobre twill de seda), de Sandra Barreiro Parquiña; ‘Estados intermedios Estados residuales’ (técnica mixta, acumulación, instalación, performance), de Antía Iglesias Fernández; ‘Canto custa unha imaxe?’ (videoensaio), de Andrés Sanjurjo García; ‘Percorrer, atravesar, andar’ (escultura feita con bidón metálico, colchas e alfombra), de Lucía Perdiz Dávila. Cada unha delas recibirá unha das catro bolsas de 7.500 euros para que amplíen os seus estudos artísticos.

As obras seleccionadas forman parte das 50 obras aceptadas no concurso, que inclúen pinturas, esculturas, instalacións, debuxos, deseños, gravado, fotografías, cerámicas, vídeo creacións e pezas de costura. Delas o xurado fixo unha primeira criba de 20 creacións finalistas, entre as que escolleu as catro gañadoras.

O xurado estivo formado por José Manuel Rey García, director do Museo de Pontevedra, que exerceu como presidente; María Covadonga Barreiro Rodríguez-Moldes, profesora asociada na Facultade de Belas Artes de Pontevedra (Universidade de Vigo); Ramón Rozas Domínguez, xornalista cultural e crítico de arte; Susana González Martínez, directora da colección de arte da Fundación María José Jove; Carmen Nogueira Alonso, artista e doutora en Belas Artes (Universidade de Vigo); e Beatriz de San Ildefonso Rodríguez, conservadora de fondos xerais do Museo de Pontevedra.

Exposición ata o 24 de setembro

As 20 obras finalistas exhibiranse na exposición ‘Novos Valores 2023’, que o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, inaugura este xoves ás 12:00 h no claustro do Edificio Sarmiento, onde estarán expostas ata o 24 de setembro.

Os premios Novos Valores pretenden ser un recoñecemento e recompensa da Deputación de Pontevedra a destacadas obras orixinais e inéditas, seguindo o labor de patrocinio e a concesión de axudas a creadoras e creadores noveis que se vén a realizar de maneira histórica dende a segunda metade do século XIX.