A Deputación achega esta semana ao Grove a figura do pioneiro do cinema galego, José Gil

O xoves 2 e o sábado 4 de novembro o concello acollerá proxeccións e coloquios sobre o cineasta, dentro do programa que desenvolve a institución provincial xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia

01/11/2023

A Deputación de Pontevedra leva esta semana ao Grove o proxecto que desenvolve xunto a Vía Láctea Films, Cine na Rúa e a Editorial Galaxia para poñer en valor a figura de José Gil (1870-1937), pioneiro do cinema galego, e que chegará neste 2023 a trinta concellos da provincia. As actividades desenvolveranse o xoves 2 e o sábado 4 de novembro e inclúen proxeccións e conversas ao redor da traxectoria de Gil, que foi fotógrafo, director, operador de cámara, realizador, produtor e exhibidor de cinema nun tempo no que o cinema nacía en todo o mundo. 

Na xornada do xoves 2, o Auditorio municipal acollerá pola mañá varias proxeccións dirixidas ao alumnado dos centros educativos do concello, que tamén poderán visitar o Cinemóbil, que inclúe 16 paneis explicativos sobre o cineasta, nos que se aborda a súa biografía e traxectoria na fotografía. Pola tarde, desde as 20:00 ata as 21:30 horas, pasaranse de novo os filmes, esta vez para o público xeral.  

O sábado 4, a programación arrancará ás 10:00 horas na praza do Corgo, onde estará instalado o Cinemóbil e onde Manolo González presentará o seu libro Nos días encantados de agosto,  a biografía sobre Gil coa que gañou o Premio Losada Diéguez de Investigación e Ensaio 2023. Posteriormente, a partir das 13:00 horas, haberá unha sesión vermú amenizada pola Banda de Música de Castrelo, de Cambados. En caso de choiva, as actividades trasladaranse ao interior do auditorio.

O proxecto “José Gil. Pontevedra, provincia de cine. Na orixe do cinema” aglutina presentacións, exposicións, proxeccións, concertos e múltiples actividades ata o 3 de decembro nun total de 30 concellos para difundir e pór en valor a figura e a obra do considerado iniciador do cinema en Galicia. A programación comezou no seu concello de orixe, As Neves, e xa pasou por Cuntis, Cambados, A Guarda, Caldas de Reis, Mondariz, Covelo, Poio, Redondela, Baiona, Gondomar, Nigrán, Arbo, Mondariz-Balneario, Soutomaior, O Porriño, Bueu, Cangas, Pontecesures, Lalín, Sanxenxo, Pontevedra, Marín e Vigo. Despois do Grove continuará en Salvaterra de Miño, Tui, Moaña, Vilagarcía de Arousa e Ponteareas.

José Gil e O Grove

José Gil foi visitante asiduo da Illa da Toxa debido á súa amizade co xornalista Jaime Solá, a cuxa familia lle pertencía en parte ao Gran Hotel Balneario. De feito, ao longo da súa traxectoria realizará moitas fotografías e reportaxes gráficas neste concello como paradigma da modernidade. Aquí gravou, ademais, unha das súas primeiras películas documentais, Visita de los periodistas ingleses en 1910, na que rexistra as actividades da estadía dun grupo de xornalistas no Gran Hotel, entre elas a actuación da coral Aires da Terra de Perfecto Feijoo.  Ademais, este espazo é a localización principal da primeira curta de ficción do cinema galego, Miss Ledya, en 1916. En 1919 regresa á Toxa para filmar unha reportaxe sobre a bendición de automóbiles na Illa, entre outras.

Ligazóns de interese

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.