O AECT Rio Minho e o AECT Guadiana estudan crear unha alianza para acceder de forma conxunta a fondos transfronteirizos para os territorios de ambos ríos

O director Uxío Benítez reuniuse hoxe en Ayamonte coa representante onubense do AECT análogo, Natalia María Santos

16/11/2022

AECT

O AECT Rio Minho e o AECT Guadiana, integrado polo municipio español de Ayamonte (Huelva) e os municipios portugueses de Castro Marim e Vila Real de Santo Antonio, van estudar a creación dunha alianza para acceder de forma conxunta a fondos  europeos transfronteirizos cos que desenvolver os territorios arredor dos seus ríos. O director do AECT Minho Uxío Benítez e a representante española do AECT onubense Natalia María Santos –tamén alcaldesa de Ayamonte- reuníronse hoxe xunto ás súas equipas técnicas para abordar esta cuestión, salientando as grandes coincidencias de ambos agrupamentos.

Segundo subliñou o deputado nacionalista,  presentaren candidaturas conxuntas para conseguir fondos europeos pode ser altamente viable posto que nas dúas fronteiras converxen varias dinámicas comúns: ambos AECT creáronse en territorios arredor de ríos, que teñen unha actividade económica central como a pesca que precisa unha mellora de xestión, teñen tamén un grande potencialidade turístico e, a maiores, a día de hoxe son os treitos de fronteira máis poboados e con maior dinamismo de toda a Península Ibérica.

Benítez destacou que na reunión de traballo de hoxe puxéronse sobre a mesa varios dos proxectos que ambos AECT están a desenvolver de maneira individual. Tamén se perfilaron algunhas ideas sobre os proxectos conxuntos que poderían ter futuro. Neste sentido, o director do AECT miñoto destacou que sería moi interesante desenvolver iniciativas que supuxesen unha mellora da cogobernanza na xestión da pesca.

Explicou que hoxe en día o río Miño ten unha xestión internacional na que está involucrada a Capitanía Marítima, mentres que na parte do río andaluz hai unha xestión e na parte lusa do Guadiana outra diferente e máis restritiva. “Teñen incluso marcos no río, pódese chegar ata un punto e de aí non pasar. Incluso sofren problemas de narcotráfico que ten que vixilar a Garda Civil. Nós podemos achegar a nosa maneira de traballar”, salientou.

Así mesmo, tamén plantexou a posibilidade de optar conxuntamente a fondos para a mellora ambiental de ambas concas fluviais, que nestes momentos teñen grandes problemas e precisan de recursos e actuacións urxentes. De maneira derivada falouse da opción de desenvolver tamén propostas de turismo fluvial coordinadas.

O deputado Benítez manifestou a súa satisfacción polo resultado do encontro, xa que ao seu entender, é fundamental para o AECT Rio Minho tecer redes con outras entidades (xa ben AECT ou doutro tipo) que xestionen ríos transfronteirizos noutros territorios europeos. Recentemente o AECT Rio Minho realizou unha xornada de traballo conxunta co AECT Go, que comprende territorios transfronteirizos entre Eslovenia e Italia co río Soča como eixo.

Galerias de imaxes