O Ciclo Mestre Mateo achega a cinco concellos da provincia “Jacinto”, a última proxección do ano

As sesións terán lugar este sábado e o 17 de decembro, en espazos culturais de Ponteareas, Redondela, Cambados, Poio e Forcarei

02/12/2022

Jacinto

O Ciclo Mestre Mateo, que promoven conxuntamente a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra, celebrará os sábados 3 e 17 de decembro as proxeccións da súa última sesión, coa presentación nos concellos de Ponteareas, Redondela, Cambados, Poio e Forcarei da película “Jacinto”, con 11 candidaturas nos XX Premios Mestre Mateo: mellor longametraxe, mellor dirección, mellor dirección de arte, mellor guión, mellor interpretación masculina de reparto, mellor interpretación masculina protagonista, mellor maquillaxe e perruqueira, mellor montaxe, mellor música orixinal e mellor vestiario.

A proxección de “Jacinto” terá lugar mañá sábado na Sala Multiusos do Auditorio Municipal de Ponteareas; ás 19.30h no Multiusos da Xunqueira de Redondela; ás 20.00h no Auditorio Municipal da Xuventude de Cambados e ás 21.00 horas no Centro Cultural Xaime Illa Couto de Poio. Por outra banda, será o 17 de decembro ás 18.00 horas cando a longametraxe chegue ao Multiusos en Soutelo de Montes de Forcarei.

“Jacinto”, escrita e dirixida por Javi Camino, conta a historia de Jacinto un adulto con mentalidade de neno. Vive en Mallou, unha sombría aldea abandonada entre as montañas cos seus pais e o seu porco Martiño. A morte da súa mascota e a chegada de dúas novas veciñas estranxeiras porá o seu mundo patas arriba. Jacinto sospeita que as recen chegadas son vampiresas que planean rematar coa súa familia para controlar a aldea. Para impedilo, porá en práctica todo o aprendido vendo películas de terror.

O ciclo Mestre Mateo chega así ao seu final, da man da Deputación e da Academia do Audiovisual, despois de dotar ós concellos da provincia dunha programación estable de cinema en galego, exhibindo as películas premiadas e finalistas dos premios deste ano. Amais de “Jacinto” xa se proxectaron outras películas coma “Tres”, galardoada como mellor longametraxe, e outras finalistas como  “Malencolía”, “A virxe roxa”, “Cuñados” ou “A poeta analfabeta”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.