Carmela Silva adianta as previsións dun “verán espectacular” con porcentaxes de ocupación media na provincia entre o 70 e 75% en xullo e agosto

Imos superar o 2021 que xa foi extraordinario e sen dúbida converterémonos, un ano máis, na provincia con mellores datos de toda Galicia” asegurou Carmela Silva, quen enxalzou o esforzo “extraordinario” dos concellos e o sector turístico

23/06/2022

Rolda de prensa datos turismo

Será un verán “espectacular”, no que “imos superar o 2021 sen dúbida algunha e converterémonos, un ano máis, na provincia cos mellores datos turísticos de toda Galicia”. Con estas palabras, e deténdose en enxalzar o esforzo “extraordinario” do mundo local e do sector para situar á provincia na punta de lanza do turismo en Galicia, a presidenta da Deputación Carmela Silva adiantou as previsións de ocupación hoteleira que, en xullo e agosto, agardan superar porcentaxes do 70 e o 75% de media en toda a provincia. Xunto aos datos, a presidenta aproveitou a ocasión para detallar as novas campañas que a institución provincial ten en marcha da man de Correos e Renfe e presentou os dous novos workshops que este ano levarán o destino Rías Baixas a Sevilla e Bilbao.

No que se refire a xuño, os datos de ocupación turística á espera de que remate o mes “están a ser moi positivos superando xa amplamente os do ano 2021”, asegurou a presidenta. Así, Carmela Silva adiantou que, ata o momento, a media de ocupación hoteleira é do 60%  o que supón 17,2 puntos máis que os rexistrados en xuño do ano pasado. Por comarcas Vigo sitúase no 70% de ocupación hoteleira (23,6 puntos máis que no 2021), a de Caldas no 67,9% (33,4 puntos máis), a de Pontevedra no 57,6% (11,3 puntos máis), as comarcas do Condado e da Paradanta están a rexistrar o 56,2% (43,9 puntos máis que no 2021), O Baixo Miño o 55,7% (case 9 puntos máis), O Morrazo o 54,1% (son 7,5 puntos máis), O Salnés o 50,3% (8 puntos máis) e Deza-Tabeirós case o 50% (22,5 puntos máis que no 2021).

En canto aos datos rexistrados no que vai de mes en cidades e principais destinos da provincia Vigo está a situarse no 75% en canto a ocupación hoteleira (23,8 puntos máis que no 2021), Pontevedra no 74% (21,3 puntos máis que no 2021), Baiona no 67% (17,9 puntos máis que no 2021), Sanxenxo no 52,1% (11,8 puntos máis que no 2021) e O Grove en case o 50% (11,6 puntos máis que no 2021).

Un verán que de novo pode ser de récord

A día de hoxe os establecementos hoteleiros da provincia contan xa cun 68% de reservas para xullo o que supón 12 puntos máis do rexistrado no mesmo mes do 2021. “Poderían incrementarse entre un 15 e un 20% más o que situaría a media en preto do 80% que, é probable que se supere”, asegurou Carmela Silva. Por comarcas, en xullo Vigo e O Morrazo agardan unha ocupación media do 77%, O Salnés superará o 75%, a comarca de Pontevedra o 73%, O Baixo Miño o 70%, as comarcas de Deza, Terra de Montes e Caldas situaranse por riba do 60% e as do Condado e da Paradanta no 51%.

No que respecta aos principais destinos e concellos turísticos Vigo en xullo agarda un 80% de ocupación, Baiona un 79%, Sanxenxo entre o 77 e o 80% e Pontevedra e O Grove o 75%.

Para agosto, nestes momentos, a previsión sitúa á ocupación no 75% “aínda que vai ser máis alta seguro, xa que ese mes supera habitualmente os rexistros de xullo”, detallou a presidenta.  Por comarcas, en agosto  O Salnés e Vigo agardan ocupacións entre un 80 e 85%, O Morrazo e  a comarca de Pontevedra entre o 75 e 80%, O Baixo Miño e Caldas entre o 70 e o 75%, O Condado e A Paradanta entre o 60 e 65% e Deza e Terra de Montes por riba do 60%.

No que respecta aos principais destinos e vilas turísticas Baiona agarda superar o 85% de ocupación, Vigo e Sanxenxo o 80% e Pontevedra e O Grove o 75%.

O verán nos establecementos de turismo rural agarda tamén uns datos “moi favorables, con ocupacións por riba do 65% en xullo e do 70% en agosto”. Por comarcas O Morrazo agarda un 85% en xullo e un 80% en agosto; a comarca de Caldas un 70% en xullo e un 75% en agosto; O Baixo Miño un 67% en xullo e un 80% en agosto;  a comarca de Pontevedra un 67% en xullo e un 70% en agosto; O Salnés un 70% en xullo e un 75% en agosto; a comarca de Vigo un 60% en xullo e un 65% en agosto; a comarca do Condado e A Paradanta un 56% en xullo e un 72% en agosto e as comarcas de Deza e Terra de Montes un 50% en xullo e  u n 55% en agosto.

No caso dos cámpings a día de hoxe “as porcentaxes de reserva son xa moi importantes, cun 67% de media que serían máis de 15 puntos que os rexistrados no verán do 2021”. Nas vivendas turísticas estímanse datos “históricos”, con reservas que superan o 72% en xullo e agosto e que poderían superar o 85% en toda a provincia, “con picos de cheo total en diferentes momentos do verán e áreas xeográficas”. Estes datos “espectaculares” tamén se están a rexistrar xa nos castelos de Soutomaior e Sobroso. Así, ata a data, o castelo de Soutomaior foi visitado por 1.322 persoas, máis que en 2021 cando se rexistrou “unha auténtica explosión de visitas”, e o castelo de Sobroso foi percorrido por 752 persoas en menos de 20 días.  

No que respecta ás persoas que están a visitar as oficinas de turismo Carmela Silva puxo en valor o incremento na porcentaxe de turistas estranxeiras. “Principalmente proveñen de España, o 73,14%, de Madrid, Barcelona, Zaragoza, Asturias e Bilbao, pero xa un 26,86% chegan dende o estranxeiro, de Alemaña, Portugal, Estados Unidos, Francia e Reino Unido”,.  O 42% contan con máis de 60 anos e alóxanse en hoteis, cunha estancia media de entre 1 e 3 días, e veñen ata a provincia para desfrutar da oferta cultural, de ocio e enogastronómica.

Novas accións de promoción turística e balance da campaña Love Rías Baixas

A presidenta da Deputación tamén deu a coñecer as novas accións de promoción turística da provincia da man de Correos no marco do Plan Estratéxico de Turismo Rías Baixas 2021-2023. “Trátase dunha iniciativa centrada nos castelos de Soutomaior e Sobroso, dúas das principais iconas da provincia, que consistirá na proxección de vídeos dos castelos en 21 pantallas interiores, exteriores e de gran formato das oficinas de Correos en Valencia, Valladolid, Barcelona, Málaga, Sevilla e Biscaia”.  Xunto aos vídeos tamén se vai facer unha impresión de 2.000 postais prefranqueadas promocionais coas imaxes de ambas fortalezas. “Estimamos –detallou a presidenta Carmela Silva- un impacto en máis de 5 millóns de persoas”.

Esta iniciativa en Correos, xunto á que se vai lanzar con Renfe, forman parte da campaña “Love Rías Baixas”.  No que vai de ano desenvolveuse xa en formatos dixitais unha campaña activada en dúas fases: a primeira cara a Semana Santa e a segunda, que remata o 30 de xuño, cara este verán. “Ata o de agora conseguimos xa catro millóns de impactos do noso destino turístico e máis dun millón de visualizacións do noso vídeo Love Rías Baixas”.

A presidenta da Deputación tamén presentou os workshops que neste 2022 van espallar  a provincia por Sevilla e Bilbao, dous puntos estratéxicos de especial interese para o destino. “Trátase de eventos de networking profesional nos que reunimos e poñemos en contacto a empresas turísticas da nosa provincia con empresas de destinos nos que queremos captar visitantes”, explicou a presidenta. Os workshops, que terán lugar os días 19 e 20 de outubro, comezarán con reunións networking de comercialización turística, continuarán cun evento de presentación do destino Rías Baixas e rematarán cunha degustación de produtos enogastronómicos da provincia. Dende hoxe mesmo e ata o 11 de xullo as firmas da provincia que desexen participar nos workshops de Sevilla e Bilbao poden presentar a súa candidatura. “Facémolo cun procedemento establecido, con criterios claros, obxectivos e transparentes, explicou a presidenta, que tamén destacou que o pasado ano os workshops en Valencia e Madrid “foron un completo éxito, con máis de 3.000 citas directas e coa participación de máis de 160 firmas de valencianas e madrileñas”.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.