O 75 % do alumnado estranxeiro que participou nos cursos de español da Deputación superou as probas do Instituto Cervantes

A institución provincial imparte estes cursos en colaboración co Centro de Linguas da Universidade de Vigo para que inmigrantes de países non hispanofalantes estean máis preto de poder obter a nacionalidade española

28/11/2023

O 75 % do alumnado que participou nos cursos de español para inmigrantes promovidos pola Deputación de Pontevedra, en colaboración co Centro de Linguas da Universidade de Vigo, superou a proba para a obtención do diploma de español (DELE) nivel A2 do Instituto Cervantes; foron un total de 36 persoas das 43 que se presentaron ao exame tras superar os cursos promovidos pola institución provincial.

O alumnado que superou o curso da Deputación de Pontevedra e optaba ao diploma do Instituto Cervantes procedía do Brasil (o 34 %), Marrocos (o 32 %), Senegal (14 %), Ucraína (9 %), Rusia (5 %), Ghana (2 %), Mozambique (2 %) e Nixeria (2 %). As probas realizáronse o pasado mes de setembro en centros da Universidade de Vigo situados nos campus de Pontevedra e de Vigo.

A última edición dos cursos de español para persoas inmigrantes realizouse en dúas quendas en Vigo e en Pontevedra. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra busca facilitarlles ás persoas de países non falantes de español a consecución deste título, para apoiar así a súa integración na provincia como cidadanía de pleno dereito. Cómpre sinalar que o DELE A2 é un título indispensable para que, despois de obtelo, poidan optar tamén a adquirir a nacionalidade española.