Rafa Domínguez enxalza o apoio da Deputación ás series mundiais de tríatlon que converterán Pontevedra na capital mundial desta disciplina deportiva

O vicepresidente da institución provincial acaba de participar na reunión do Comité Organizador da Gran Final das Series Mundial de Tríatlon, cuxo retorno económico estímase en máis de 40 millóns de euros

24/07/2023

Reunión Tríatlon Pontevedra

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, participou hoxe no Concello de Pontevedra nunha reunión do Comité Organizador da final do Campionato do Mundo de Tríatlon Pontevedra 2023, na que se avanzou na planificación do evento, que se celebrará este mes de setembro e que atraerá a milleiros de persoas á capital da provincia. Na reunión estiveron presentes tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; a concelleira de Deportes, Anabel Gulías; o xefe  do Servizo Provincial de Deportes da Xunta en Pontevedra, Daniel Benavides; o presidente da Federación Española de Tríatlon, José Hidalgo, e o da Federación Galega de Tríatlon, Gonzalo Triunfo, entre outros.

Segundo asegurou Rafa Domínguez, é “unha verdadeira honra” para a Deputación “participar e financiar este grandísimo evento que será a final das Series Mundiais do Tríatlon 2023, que traerá a moitísima xente a Pontevedra e suporá un retorno económico moi importante, xa non só para a cidade senón para toda a súa contorna”, pois estímase que dito retorno supere os 40 millóns de euros.

A final do Campionato do Mundo de Tríatlon converterá a Pontevedra en capital mundial desta disciplina deportiva do 22 ao 24 de setembro. Está previsto que participen nela arredor de 5.000 deportistas, entre os que se atopan os e as triatletas de maior rango da clasificación internacional, na que será a última gran proba puntuable para os Xogos Olímpicos de París.   

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.