A segunda edición do Ciclo Mestre Mateo regresa a cinco concellos da provincia de Pontevedra

Baiona, A Estrada, O Grove, Caldas e A Guarda acollerán este ano as proxeccións que terán lugar entre os meses de maio e novembro

24/04/2023

O Ciclo Mestre Mateo regresa á provincia de Pontevedra e levará as proxeccións das longametraxes de ficción e documentais finalistas dos premios do noso audiovisual aos concellos de Baiona, A Estrada, O Grove, Caldas e A Guarda, que pasan a formar parte da rede de salas. Deste xeito, a colaboración entre a Academia Galega do Audiovisual e a Deputación de Pontevedra achegará o mellor do audiovisual galego recente ao público destas cinco localidades, que collen o relevo de Redondela, Cambados, Poio, Ponteareas e Forcarei que acolleron con éxito o ciclo na súa primeira edición.

Os concellos participantes exhibirán entre maio e novembro unha programación que inclúe María Casares, a muller que viviu mil vidas, Unicorn Wars e O corpo aberto, recoñecidas respectivamente como Mellor documental, Mellor longametraxe de animación e Mellor longametaxe na última edición dos Mestre Mateo, celebrada o pasado 11 de marzo.

O resto de títulos do programa son o documental A foreign song (César Souto, 2022) gañadora dos premios á Mellor longametraxe española e Mellor dirección española no pasado Festival Internacional de Cine de Xixón; o thriller Código Emperador (Jorge Coira, 2022) estreado no XXIV Festival de Málaga, onde tamén tivo a súa estrea a longametraxe Live is life (Dani de la Torre, 2022); o documental No somos nada (Javier Corcuera, 2022) estreado no Festival de Cine de San Sebastián; o filme de animación Valentina (Chelo Loureiro, 2022), gañadora do Goya á mellor longametraxe de animación na XXXVI edición dos premios da Academia Española e o documental Onde máis doe (Manane Rodríguez, 2022) estreada no OUFF - Ourense Film Festival.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 13 resultados.