Redrum Teatro pon en escena este venres en Ponte Caldelas a obra Un home con lentes de pasta, ao abeiro do ciclo teatral da Deputación

A representación terá lugar ás 21:00 horas no CEIP Manuel Cordo Boullosa, con entrada libre ata completar a capacidade

16/11/2023

Ponte Caldelas acollerá este venres 17 de novembro a función Un home con lentes de pasta, a cargo da compañía Redrum Teatro, no marco do ciclo “Tornar ás táboas”, co que a Deputación de Pontevedra está a espallar o teatro por toda a provincia neste último trimestre do ano. A representación terá lugar ás 21:00 horas no CEIP Manuel Cordo Boullosa e a entrada será libre ata completar a capacidade.

A peza, escrita por Jordi Casanovas e dirixida ao público mozo e adulto, é unha comedia negra que bebe de fontes moi diversas. Búrlase do snobismo literario e convida o público a ser auténtico a través da posta en valor do sinxelo e inocente. A historia presenta a Sheyla, que acaba de ser abandonada pola súa parella e a quen os seus amigos Laura e Fer queren animar para que aproveite a oportunidade e faga realidade o seu desexo de escribir. Con esa intención traerán a cear a Guillerme, un poeta “capaz de namorar a calquera cuns breves versos”. Pero a Guillerme non lle van satisfacer as conversas banais nin os frívolos momentos de distensión. Sheyla, Laura e Fer son máis fráxiles do que cren, as súas vidas penden dun fío, afógan na dúbida, algo que Guillerme non vai desaproveitar.

Co ciclo teatral “Tornar ás Táboas” a Deputación de Pontevedra vai achegar entre outubro e decembro un total de 49 funcións gratuítas e dirixidas a todos os públicos a outros tantos concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes, coa participación de trinta compañías galegas que ofrecerán unha ampla variedade de espectáculos.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.