O Trío Caldo ofrece este martes 18 un concerto no Castelo de Sobroso ao abeiro do programa da Deputación “Tras as Ameas”

A deputada provincial Nava Castro asistirá a esta cita na que María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandeireta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) achegan a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos instrumentos

17/07/2023

A música encherá este martes 18 de xullo o Castelo de Sobroso da man do grupo Caldo, cun concerto enmarcado no programa da Deputación de Pontevedra “Tras as Ameas”. A deputada provincial Nava Castro asistirá a esta cita na que o trío integrado por María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandereta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) ofrecerán unha proposta a base da fusión de melodías tradicionais galegas e composicións propias, con influencias das músicas europeas e atlánticas. A actuación comezará ás 22 horas diante da fachada do Castelo e ten xa todas as entradas esgotadas.

Caldo, afincado no Val Miñor, achega a música tradicional a contextos sonoros contemporáneos a través da experimentación cos propios instrumentos. Foi gañador ao Mellor Proxecto de Música Folk nos Premios Martín Códax da Música e do Concurso Fran Pérez “Narf” no ano 2020. Para o seu primeiro disco, gravado en directo, tomaron como fío condutor o repertorio da aldea de Moscoso (Pazos de Borbén) e realizaron unha revisión do material recollido por Xisco Feijóo ás informantes Rosa e Aída Garrido.

No seu segundo álbum, Lugar A Ponte, que acaban de publicar este ano, o grupo déixase levar a través doutras estéticas. Trátase dun traballo intimista co que Caldo ten creado historias, letras e melodías cheas de recordos, no que cada tema representa un vínculo, un momento de cambio, unha relación ou unha perda.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.