O Castelo de Soutomaior acolle este xoves o contacontos ‘Frida’ para achegar o mundo da arte á rapazada

O espectáculo, a cargo da compañía A Cova das Letras, forma parte da programación de actividades da Deputación nos espazos fortificados de Soutomaior e Sobroso

12/07/2023

O castelo de Soutomaior acolle este xoves 13 de xullo un contacontos que porá en valor o poder transformador da arte. O espectáculo ‘Frida’, a cargo da compañía A Cova das Letras, é unha das 13 actividades programadas pola Deputación de Pontevedra ao abeiro de ‘Tras as ameas’, un programa cultural e familiar que abrangue unha ampla e diversa oferta de actividades inspiradoras dirixidas a todos os públicos nos castelos de Soutomaior e Sobroso que convidan a vivir nestes espazos unhas experiencias únicas. A actividade comezará ás 19:00 horas e terá unha duración de arredor de 45 minutos.

‘Frida’ é unha peza dirixida ao público familiar na que, a través da danza e do corpo, monicreques tradicionais e obxectos en movementos, a compañía reconstruirá cadros viventes grazas á personaxe de Frida, unha contadora de historias que bota a man dun pequeno teatro de monicreques para representalas. O espectáculo, de carácter poético, será colorido e con moita vida, e nel a música xogará un papel fundamental. O elenco está composto por Cris Collazo (actriz e manipuladora dos obxectos), Martiño Mato (actor e música) e Manuel Paino (composición musical). Ademais, Olga Cameselle foi a encargada da coreografía tanto da danza como dos movementos dos obxectos que levan á recreación dos cadros. Os monicreques foron deseñados por Anxo García, que tamén se encargou da selección dos obxectos que aparecen na obra.

Tras as ameas’ está composto por 13 accións entre concertos, obradoiros, contacontos ou espectáculos escénicos que inclúen maxia e circo e que se prolongarán ata o 29 de agosto divididas en sete bloques: Noite no castelo (accións nocturnas); Música con historia (concertos para público familiar); Nin príncipes nin princesas (contacontos, no que está incluída a acción ‘Frida’); O teatro vén de visita (teatro de rúa); Creando no xardín (obradoiros participativos de arte); Vaia circo este castelo! (espectáculos de circo exterior) e Entre muros de maxia! (espectáculos de maxia).

Cinco das próximas nove actividades teñen xa todas as prazas esgotadas: o espectáculo de maxia ‘Rock ‘n’ magic’ do Mago Teto, o 20 de xullo en Soutomaior; ‘As palabras perdidas’ de Inventi Teatro, o 27 de xullo en Soutomaior; dúas actividades de circo, ‘Glamping’ de SU.MA., o 3 de agosto, e ‘Nino & Nambrú’ de Nauta, o 17 de agosto, en Soutomaior ambos os dous; e mais o espectáculo de maxia ‘Superheroe’ de Fran Frei o 22 de agosto en Sobroso.

As actividades para as que aínda quedan prazas dispoñibles son as seguintes: o espectáculo nocturno ‘Caldo’ a cargo de  María Jorge (violín), Anaïs Barbier (voz e pandereta) e Pedro Fariñas (guitarra e gaita) o 18 de xullo en Sobroso; o concerto ‘Silforiña’ da compañía Golfiños o 1 de agosto en Sobroso; o concerto ‘Paxaro amigo. Músicas para a paz’ de Mamá Cabra o 10 de agosto en Soutomaior e, finalmente, o obradoiro ‘Lingoreteira’ de Xarope Lulú en Sobroso o próximo 29 de agosto.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.