Treixadura chega este xoves a Vilagarcía de Arousa no marco do programa da Deputación “Musigal”

O parque da Xunqueira será o escenario que acollerá o grupo durante as festas de San Roque

16/08/2023

Treixadura

A música tradicional soará este xoves 17 de agosto ás 22:00 horas no parque da Xunqueira de Vilagarcía de Arousa da man da Deputación de Pontevedra e do grupo Treixadura. O concerto, que se celebra no marco das festas de San Roque da localidade, está financiado no marco do programa “Musigal”, unha iniciativa provincial cun dobre obxectivo: contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia e fomentar o uso e a normalización social da lingua.

A agrupación, galardoada nos Premios da Música Martín Códax de 2013 como Mellor Grupo de Música Tradicional Galega, fará en Vilagarcía un percorrido pola súa discografía baseado no seu último disco, ‘Camiño longo’, que recolle os seus 30 anos de traxectoria e no que se inclúen os seus temas máis emblemáticos.

Treixadura está formado por 15 artistas que elaboran música a través da cultura tradicional, pero cunha interpretación máis actual e rompendo coa concepción de folclore galego. Inspirada pola música de tradición oral, a agrupación rescata melodías tradicionais e produce outras novas, co obxectivo de conservar a cadea de transmisión da música tradicional. Nas súas actuacións, público e artistas mestúranse nun coro para crear unha atmosfera coa que intercambiar emocións e compartir ese gusto pola música, acompañado por un gran espectáculo de luz.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 15 resultados.