140 nenas e nenos de 19 concellos da provincia gozarán na Lanzada de actividades lúdicas e formativas no marco da última quenda dos campamentos “Depo Aventura”

O deputado provincial responsable de Xuventude, Jorge Cubela, visitará o campamento o mércores para participar na tradicional selección da mascota de “Depo Aventura A Lanzada”

02/09/2023

Desde este domingo 3 de setembro ata o próximo sábado 9 de setembro, un total de 140 nenas e nenos de 19 concellos da provincia participarán na undécima e derradeira quenda dos campamentos de “Depo Aventura A Lanzada”. Durante os seis días de duración do campamento as nenas e nenos desenvolverán múltiples actividades lúdicas e formativas que contribuirán ao seu enriquecemento persoal e a coñecer lugares fóra da súa contorna habitual. Está previsto que o deputado provincial Jorge Cubela visite as instalacións da Lanzada o mércores 6 de setembro para participar na tradicional selección da mascota da edición deste ano dos campamentos.

Na derradeira quenda de “Depo Aventura” participarán 71 nenas e 69 nenos (nados entre 2010 e 2015): 85 de Vigo, 17 de Pontevedra, 6 de Gondomar, 6 de Poio, 3 de Redondela, 3 de Sanxenxo, 3 do Grove, 3 de Vilagarcía, 3 de Vilaboa, 2 de Nigrán, 1 de Baiona, 1 de Cangas, 1 de Catoira, 1 de Cerdedo-Cotobade, 1 de Mos, 1 de Ponteareas, 1 de Ribadumia, 1 de Tomiño e 1 de Tui. Ao longo do verán déronse cita na Lanzada un total de 1.540 menores de 58 concellos da provincia.

Baixo o nome “A Lanzada, un paseo pola historia”, a Deputación de Pontevedra vailles ofrecer ás 140 nenas e nenos que van participar na derradeira das quendas do campamento un programa de actividades destinado a favorecer a inclusión, a aprendizaxe da lingua inglesa, a igualdade de xénero, a arte, a cultura, a ciencia, o deporte, a lingua de signos, o respecto e o coñecemento da natureza, e a dinamización da contorna. Ademais, as e os participantes realizarán excursións relacionadas coa natureza e co coidado do medio.