Luis López destaca a cooperación entre a Deputación e o Concello de Tui para investir un millón de euros na primeira fase da humanización do paseo das Corredoiras

O presidente da Deputación de Pontevedra asinou este mércores o convenio de colaboración co rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, nunha visita institucional ao Concello

08/11/2023

Luis López e Enrique Cabaleiro en Tui

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, e o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, asinaron este mércores un convenio de colaboración enmarcado no Programa provincial de infraestruturas e dotacións singulares para a execución da Axenda 2030 (PON2030) a través do cal o Goberno provincial financiará con 795.715 euros, o 80 % do orzamento, a primeira fase do proxecto de mellora urbanística da rúa Augusto González Besada e da zona sur do paseo da Corredoira. O Concello, pola súa banda, achegará o 20 % restante (198.928 euros).

A obra consiste nunha intervención integral nesta contorna que lle dá acceso ao centro urbano de Tui. O obxectivo é darlle prioridade á mobilidade peonil e mellorar a imaxe destas rúas, así como reordenar e reducir a presenza de vehículos “para mellorar unha das principais arterias desta cidade”, explicou o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, despois de asinar o protocolo.

En concreto, na rúa Augusto González Besada crearase unha plataforma única e ampliaranse as beiravías, instalaranse novos elementos de mobiliario urbano e arborado e modificarase o estacionamento en batería polo aparcamento en liña. O mesmo ocorrerá na transversal rúa de Rosa Bahamonde, mentres que no acceso ao edificio da Policía Local crearanse dúas ramplas. Ademais, na praza da Inmaculada renovarase tamén o pavimento, instalarase novo mobiliario urbano e substituiranse dúas árbores que afectaban a zona dos quioscos.

A intervención nesta praza conectará directamente coa zona sur do paseo da Corredoira, onde se substituirá o lastrado por unha lousa de granito, se crearán zonas de aparcamento de carga e descarga, e no paseo melloraranse os elementos do mobiliario urbano. Para unha actuación futura, correspondente á segunda fase do proxecto, queda a mellora urbana da zona norte do paseo da Corredoira e da rúa Camilo José Cela.

Segundo recolle o convenio, as obras, valoradas nun total de 994.643 euros, deberán estar rematadas antes do 30 de abril de 2025. A sinatura deste acordo entre a Deputación e o Concello de Tui realízase coa modificación das bases do programa PON2030 xa en vigor, unha modificación que fai compatible a achega da Deputación coas subvencións doutras administracións sen que o montante concedido ao Concello polo Goberno provincial se vexa reducido.

“Os concellos son o faro que guía a nosa acción de goberno”, asegurou o presidente, Luis López, quen recordou que o recentemente presentado Orzamento provincial reserva un de cada tres euros dos 189 millóns das contas provinciais para o Servizo de Cooperación cos concellos da provincia. “Son as contas máis municipalistas da historia, subliñou o dirixente provincial”, e fixo referencia tamén ao programa +Provincia, “o maior plan de obras e servizos posto nunca en marcha polo Goberno provincial”, remarcou López.

 “Tui e os demais concellos sodes o motor da provincia. Xuntos imos conseguir que Pontevedra vaia a máis”, concluíu o presidente da Deputación.

Galerias de imaxes