O programa da Deputación “Voando nas Rías Baixas” chega este domingo ata a Guarda

A andaina gratuíta para a observación de aves, que promove a institución provincial en colaboración con SEO Birdlife, desenvolverase no esteiro do río Miño e ten xa todas as prazas esgotadas

07/10/2023

A Guarda

O programa da Deputación de Pontevedra “Voando nas Rías Baixas” chega este domingo ata A Guarda. A andaina gratuíta para a observación de aves, que promove a institución provincial en colaboración con SEO Birdlife, desenvolverase no esteiro do río Miño e ten xa todas as prazas esgotadas.

Durante o percorrido, as persoas participantes, conducidas por un par de guías ornitolóxicos de SEO Birdlife, coñecerán este espazo situado ao sur da provincia de Pontevedra, concretamente no concello da Guarda, que linda con Portugal e está protexido pola Rede Natura 2000. A desembocadura do río Miño forma este esteiro intermareal que conta cunha gran diversidade de hábitats que atraen a infinidade de aves, tanto acuáticas coma mariñas, rapaces ou paxaros palustres que buscan refuxio nas súas ribeiras. Destacan as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros, avefrías…), variedade de gaivotas, diferentes especies de patos, garzas, rálidos e mergullóns, ademais de aves mariñas, coma carráns cristados. Tamén é posible ver aves rapaces, entre as que destacan a tartaraña das xunqueiras, o lagarteiro cincento e a aguia pescadora, á que se pode observar pescando.

Despois da andaina polo esteiro do río Miño, “Voando nas Rías Baixas” levará a cabo o 26 de novembro a última das rutas deste 2023, que se desenvolverá pola enseada de San Simón (nos concellos de Redondela, Soutomaior, Vilaboa e Pontevedra). A inscrición abrirase o 13 de novembro e as persoas interesadas poderán anotarse no formulario que atoparán na web (www.depo.gal).