Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre actúan este venres en Rodeiro ao abeiro do programa da Deputación Musigal

O concerto de música tradicional terá lugar ás 22:00 horas na Avenida Gumersindo Areán da vila

26/07/2023

O programa Musigal, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra para contribuír á difusión e promoción da música galega e en galego nos concellos da provincia, chega este venres 28 de xullo ao concello de Rodeiro, onde actuarán Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre. A actuación comezará a partir das 22:00 horas na Avenida Gumersindo Areán da vila.

En Rodeiro Xabier Díaz presentará en compañía das Adufeiras de Salitre o seu terceiro álbum conxunto, As Catedrais Silenciadas, que culmina un proceso que comezou no ano 2015 no que o elemento diferencial son o conxunto de mulleres vocalistas e percusionistas. Trátase dun álbum que actualiza diferentes tipos de formas musicais como pasodobres, xotas, alalás, ribeiranas ou muiñeiras, e foi galardoado co Premio Martín Codax na categoría de Música Tradicional no 2020. Ademais figurou tres meses consecutivos no Top Ten do World Music Charts Europe e tivo entrada na sección Top of the World da prestixiosa revista Songlines, na que os editores escollen os 10 mellores discos de cada mes en todo o mundo.

Cunha traxectoria de case 40 anos na música, Xabier Díaz (A Coruña, 1969) tamén atesoura unha intensa actividade docente, en asociacións e certames. Formou parte de Berrogüetto entre 2008 e 2014 e, paralelamente, participou xunto a Guadi Galego, Xosé Lois Romero e Guillerme Fernández no proxecto aCadaCantos. As composicións de Xabier Díaz, en moitos casos, parten do traballo de investigación, escoitando as cancións das mulleres no rural e dándolles o seu estilo. Ten recibido numerosos premios polo seu traballo, como o da Música Independente ao mellor álbum en galego en 2016, e actuado en numerosos países de Europa, África e América.