¿Quién puede participar en los campamentos?
Poderán participar nenas e nenos que cumpran os seguintes requisitos:
-
Nacer entre os anos 2007 e 2012 (ambos os dous incluídos)
-
Estar empadroadas ou empadroados na provincia de Pontevedra
-
Non padecer ningunha enfermidade infecto-contaxiosa en fase activa
Poderán participar menores en situación de tutela ou garda por parte da Administración que se atopen tanto en réxime de acollemento residencial coma en atención de día nalgún centro da provincia de Pontevedra.
No caso de menores que precisen dun apoio específico derivado dalgún tipo de diversidade funcional ou doutra patoloxía esta circunstancia deberá facerse constar no "cuestionario de saúde e autonomía persoal", detallando do xeito máis preciso posible as súas necesidades.
No caso de menores que presenten algún grao de diversidade funcional, se teñen praza adxudicada, será necesario poñerse en contacto co Servizo de Inspección Médica enviando un correo electrónico ao enderezo inspeccionmedica@depo.gal, e será o persoal sanitario da institución provincial quen solicite os informes médicos ou a documentación necesaria para a valoración destas necesidades no campamento.
En que consiste o campamento?
Os campamentos "Depo Aventura A Lanzada" organízanse entre os meses de xuño e setembro, en quendas de 7 días, nas instalacións do Centro de Vacacións da Lanzada (propiedade da Deputación de Pontevedra), situado na estrada de San Vicente do Mar, A Lanzada, s/n, O Grove.
Que servizos están incluídos?
As nenas e nenos participantes disporán dos seguintes servizos en cada quenda:
-
Un programa de actividades socioculturais, recreativas, formativas e de convivencia que posibilite a participación de todas as nenas e nenos. Algunha destas actividades impartirase en lingua inglesa
-
O aloxamento en tendas de campaña no campamento
-
A manutención en réxime de pensión completa
-
O material necesario para as actividades
-
Un equipo técnico de persoal especializado en animación sociocultural, actividades de tempo libre, actividades náuticas e lingua inglesa. Así mesmo, para o caso de menores con necesidades especiais por razón da súa discapacidade disporase do persoal de apoio necesario adaptado ás súas características
-
Atención sanitaria de primeiros auxilios e seguro de accidentes
En que datas se realizarán as quendas?
Os campamentos terán lugar entre o 21 de xuño e o 5 de setembro de 2020. Realizaranse 11 quendas, de 7 días de duración cada unha, nas seguintes datas:
-
Primeira quenda: do 21 ao 27 de xuño
-
Segunda quenda: do 28 de xuño ao 4 de xullo
-
Terceira quenda: do 5 ao 11 de xullo
-
Cuarta quenda: do 12 ao 18 de xullo
-
Quinta quenda: do 19 ao 25 de xullo
-
Sexta quenda: do 26 de xullo ao 1 de agosto
-
Sétima quenda: do 2 ao 8 de agosto
-
Oitava quenda: do 9 ao 15 de agosto
-
Novena quenda: do 16 ao 22 de agosto
-
Décima quenda: do 23 ao 29 de agosto
-
Undécima quenda: do 30 de agosto ao 5 de setembro
A realización da última quenda queda condicionada á data de comezo do primeiro día lectivo do próximo curso escolar 2020/2021.
Que prazo hai para presentar a solicitude?
Será de 15 días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPPO).
O prazo de solicitude será do 4 ao 25 de marzo de 2020, ambos os dous incluídos.
Como e onde inscribir a nena ou o neno?
As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal.
Para a presentación das solicitudes a sede electrónica da Deputación de Pontevedra admite os certificados electrónicos do sistema Cl@ve, que contempla a utilización de sistemas de identificación baseados en claves concertadas (sistemas de usuario e contrasinal) e certificados electrónicos (incluído o DNIe).
Opcionalmente, poderán presentarse as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, que, unha vez cuberto, xerará a solicitude en PDF que deberá imprimirse e asinarse para a súa presentación presencial.
Que normas se deben seguir para realizar a solicitude?
Solicitude individual: no caso de irmás ou irmáns que queiran ir en quendas diferentes deberase cubrir un formulario por cada nena ou neno; deste xeito entrarían por separado no sorteo, aínda que non se poderá garantir que, de conseguiren praza, saian en quendas diferentes.
Solicitude múltiple: no caso de irmás ou irmáns que queiran ir na mesma quenda deberán presentar unha única solicitude cos datos de todos. As e os menores que convivan no domicilio en situación de acollemento familiar poderanse incluír tamén na solicitude múltiple, e a súa situación equipararase á das e dos irmáns.
Os impresos de solicitude deberán cubrirse de acordo coas seguintes normas:
-
Só se poderá cubrir unha solicitude por persoa e as quendas elixiranse por orde de preferencia, para o que se empregarán os códigos asignados
-
Os datos da persoa solicitante deberán ser os da ou do menor que opta a participar no campamento
-
No caso de solicitudes múltiples que opten a participar na mesma quenda deberán cubrirse os datos de cada irmá ou irmán que solicite participar
-
As solicitudes deberán ser asinadas pola nai, pai ou persoa titora da ou do menor solicitante
8. Como se comproban ou corrixen os datos da solicitude e que prazo hai para facelo?
Unha vez finalizado o prazo de presentación das solicitudes a persoa interesada deberá estar pendente da publicación das listas en www.depo.gal para comprobar que os datos de mecanización da súa solicitude son correctos.
A Deputación enviará unha mensaxe SMS de cortesía ao móbil de todas as persoas solicitantes cun código para acceder ao enlace habilitado para a consulta e a revisión dos datos da súa solicitude.
Se as persoas interesadas detectan algún erro nos datos mecanizados ou non atopan a solicitude deberán poñerse en contacto co Servizo de Cohesión Social e Xuventude a través do correo electrónico cohesionsocialexuventude@depo.gal para que poidan ser emendados.
A comunicación dos erros para a súa corrección deberá efectuarse dentro do prazo sinalado na web coa publicación da lista.
Unha vez transcorrido ese prazo non procederá ningunha reclamación contra os erros ou omisións nas solicitudes.
Que documentos hai que presentar xunto coa solicitude de praza?
Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:
-
NIF das e dos menores solicitantes
-
NIF da nai, pai ou persoa titora das e dos menores solicitantes
-
Certificado de residencia das persoas menores solicitantes
-
Título de familia numerosa
-
Título de familia numerosa autonómico emitido pola Xunta de Galicia
-
Certificado de discapacidade
-
Consulta de datos de residencia legal de persoas estranxeiras
No caso de que as persoas interesadas se opoñan ás devanditas consultas, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos correspondentes.
A facultade de oposición ás consultas, no caso de persoas interesadas menores de idade, deberá formalizala a ou o proxenitor, titora ou titor ou representante legal.
Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención destes datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Por outra parte, deberase achegar coa solicitude a seguinte documentación, segundo corresponda:
-
Libro de familia no caso de que as ou os menores solicitantes non dispoñan de DNI ou de NIE
-
No caso de menores estranxeiros, copia compulsada do permiso legal de residencia ou documento análogo
-
Acreditación da condición de familia monoparentaI
-
Cuestionario de saúde e autonomía persoal, que figura coa solicitude, con todos os puntos debidamente cubertos e asinado
-
Se é o caso, certificado acreditativo do grao de discapacidade e copia do ditame médico facultativo emitido polo equipo de valoración e orientación (EVO) correspondente
-
Certificado expedido pola dirección do centro que acredite que durante o período 2020-2021 a ou o menor está en situación de internamento
Cal é o prezo do campamento?
O prezo da praza do campamento estímase en 200 euros cada unha, resultado da suma dos gastos necesarios para a execución deste programa, que inclúen persoal de cociña para a preparación de alimentos, mantemento e limpeza de instalacións e os gastos da empresa adxudicataria da actividade e da empresa adxudicataria da subministración de alimentación, entre outros.
A Deputación asumirá polo procedemento xeral o 50 % do custo da praza, polo que o importe final que deberá pagar a persoa interesada será de:
-
100 euros por praza
-
80 euros por praza para menores de familias numerosas e/ou monoparentais (desconto do 20 % sobre o prezo). Para que se lles aplique este desconto as persoas solicitantes deberán marcar no cadro correspondente do formulario de solicitude que teñen o título de familia numerosa e/ou monoparental e achegar o documento acreditativo (no caso de non presentalo, non se aplicará este desconto)
Estes prezos inclúen todos os servizos do campamento: aloxamento e manutención, todas as actividades, incluídas as que se fagan en inglés, seguro e excursións.
Co fin de acadar a igualdade de oportunidades a institución provincial asumirá, polo procedemento específico, o 100 % do prezo da praza para promover a inclusión social das e dos menores da provincia de Pontevedra.
Que documentos hai que presentar no caso de que a ou o menor teña praza adxudicada?
Documentación que se debe remitir ao Servizo de Inspección Médica (inspeccionmedica@depo.gal) da institución provincial (no caso de resultar beneficiaria ou beneficiario do programa e cando se sinale no cuestionario de autonomía persoal e saúde que a ou o menor ten algunha patoloxía ou algún tipo de diversidade funcional que requira de tratamento farmacolóxico, apoio ou terapia específicos)
-
Informe de saúde da ou do especialista que proceda, no que se indiquen a patoloxía, o tratamento farmacolóxico ou a terapia que precisa, e no que se faga constar que a súa condición médica lle permite asistir ao campamento.
No caso de que se detecten ou diagnostiquen enfermidades, alerxias ou intolerancias alimentarias entre a data de presentación das solicitudes e a data de incorporación ao campamento será necesario poñerse en contacto co Servizo de Inspección Médica a través do enderezo de correo electrónico inspeccionmedica@depo.gal, e será o persoal sanitario o que solicite o correspondente informe de saúde.
Todas as persoas beneficiarias do programa deberán levar o primeiro día do campamento a tarxeta sanitaria orixinal ou o documento equivalente do seguro médico privado.
Como se distribúen as prazas?
O número total de prazas ofertadas para este programa é de 2.200, distribuídas do seguinte xeito:
-
1.900 prazas, que se adxudicarán polo procedemento xeral
-
300 prazas, que serán adxudicadas polo procedemento específico (prazas de reserva para menores en situación ou risco de exclusión social) que se repartirán do seguinte xeito:
-
260 prazas de reserva para menores en situación ou risco de exclusión social dos concellos da provincia de Pontevedra
-
25 prazas de reserva asignadas a menores do Centro Príncipe Felipe, dependente da Deputación de Pontevedra
-
15 prazas para menores en situación de tutela ou garda administrativa doutros centros da provincia de Pontevedra
Como se adxudican as prazas?
A adxudicación das prazas, tanto no procedemento xeral coma no específico, realizarase por sorteo a través de medios informáticos e do seguinte xeito:
-
Cubriranse as 200 prazas de cada unha das quendas (100 nenas e 100 nenos)
-
Confeccionarase unha lista de agarda
A seguinte información aparecerá publicada en www.depo.gal:
-
O anuncio do lugar, o día e a hora da realización do sorteo público
-
O resultado, coa lista de persoas con praza adxudicada para cada quenda e a lista das 100 primeiras persoas de agarda para cada unha
-
O resultado notificaráselles por mensaxe SMS ao móbil ás persoas con praza adxudicada para que efectúen o pagamento
-
Se non se efectúa o pagamento no prazo establecido perderase o dereito á praza
Para estes efectos, a presentación da solicitude implica a autorización para a publicación dos datos da persoa solicitante.
O sorteo rexerase por un algoritmo do programa informático no que se terá en conta o seguinte:
-
Daráselles prioridade ás persoas que non asistisen ao campamento no verán de 2019
-
Asignaranse en cada quenda 100 prazas para nenas e outras 100 para nenos. De non existir cota suficiente para cubrilas farase a través de múltiplos de cinco, por exemplo: 90/110, 95/105
-
Cando unha ou un menor que non participase o ano anterior obteña praza, as súas irmás ou irmáns tamén obterán praza na mesma quenda aínda que xa fosen o ano pasado, co obxectivo de favorecer a conciliación familiar
-
Cota por concellos: as prazas asignadas a cada concello serán proporcionais á súa poboación, segundo os datos obtidos do Instituto Nacional de Estatística (INE) do censo do ano 2019, e de acordo coa repartición que se detalla no anexo II das bases
A praza adxudicada será intransferible.
Como se realiza o pagamento da praza adxudicada?
Realizado o sorteo de adxudicación de prazas, nas seguintes 48 horas publicaranse na páxina web da Deputación de Pontevedra www.depo.gal, a forma, o prazo e os lugares para realizar o pagamento xunto cos documentos de pagamento.
Os documentos de pagamento serán individualizados para cada menor; tamén no caso de irmás ou irmáns que obteñan praza.
A persoa responsable da ou do menor recibirá unha mensaxe SMS de cortesía no seu teléfono móbil coas claves para acceder e descargar os documentos de pagamento.
É unha obriga das persoas beneficiarias solicitar as claves no caso de non recibilas no móbil e proceder ao pagamento dentro do prazo publicado na páxina web.
No caso de non facer efectivo este pagamento no prazo establecido no documento, perderase o dereito á praza obtida, que pasará a ocupar outra persoa da lista de agarda.
Hai lista de agarda?
As vacantes que se produzan por non efectuar o pagamento ou por renunciar á praza obtida no sorteo adxudicaránselles ás nenas e nenos da lista de agarda, tendo en conta que a baixa dunha nena se cubrirá con outra nena e a baixa dun neno se cubrirá con outro neno.
Teranse en conta as solicitudes para a mesma quenda de irmás e irmáns sempre e cando haxa vacantes suficientes. De non ser así, chamaríase a persoa seguinte da lista. Nesta relación de agarda non se terá en conta a cota correspondente a cada concello.
A Deputación contactará coas persoas da lista de agarda mediante unha mensaxe SMS de cortesía enviada ao teléfono móbil. Realizaranse tres chamadas entre as 9 e as 14 horas, que se rexistrarán para que quede constancia da súa realización.
Unha vez recibida a comunicación e aceptada a praza ofrecida deberase efectuar o pagamento no prazo establecido.
Se non se puidese contactar coa persoa interesada ou esta non efectuase o pagamento en prazo daríase de baixa e contactaríase coa persoa seguinte na lista de agarda.
Se se realiza o aboamento da praza e finalmente a nena ou o neno non pode acudir, é posible a devolución do diñeiro?
Para ter dereito á devolución da cota aboada da praza adxudicada a persoa interesada deberá solicitar por escrito a renuncia á praza e a súa devolución. Só se terá dereito á devolución do importe da cota de inscrición nos seguintes casos:
-
No caso de impedimento da persoa interesada para asistir á actividade por algún dos seguintes motivos debidamente xustificados:
-
Enfermidade, accidente ou outros (deberá achegar o correspondente xustificante médico)
-
Motivos familiares, enfermidade ou accidente grave dunha ou dun familiar, falecemento ou outros (deberá achegar xustificación do motivo)
-
Admisión noutra actividade nas mesmas datas (deberá achegar o xustificante de pagamento)
Coa maior brevidade posible a persoa interesada deberá comunicarlle a renuncia á praza ao Servizo de Cohesión Social e Xuventude, por teléfono ou por correo electrónico ao enderezo cohesionsocialexuventude@depo.gal, co fin de que a Deputación poida realizar as xestións de adxudicación desa praza á persoa seguinte da lista de agarda.
A presentación da solicitude de devolución da cota de inscrición deberase efectuar en canto se produza algún destes motivos que xustifican a renuncia coa presentación do correspondente xustificante.
-
No caso de non prestar o servizo por causas non imputables á persoa interesada ou de producirse a anulación da actividade por parte da Administración:
A presentación da solicitude de devolución da cota de inscrición deberase efectuar no prazo de 15 días hábiles, contados a partir do día no que a Deputación comunique as causas de non prestar o servizo.
Para estes efectos, as persoas interesadas dispoñen dun modelo normalizado de solicitude de devolución de cota de inscrición, que poderán descargar na sede electrónica da Deputación de Pontevedra.
Non se admitirán as solicitudes de devolución da cota que non se presenten na forma que se reflicte nas bases:
-
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento realizaranse preferiblemente por medios electrónicos a través do modelo "instancia xenérica" dispoñible na sede electrónica da Deputación de Pontevedra, https://sede.depo.gal
-
Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común