A Deputación asiste á Feira Turexpo de Silleda para reforzar a proxección da marca Turismo Rías Baixas
Entre o 4 e o 7 de xuño contará cun posto propio no Salón Turístico de Galicia onde contactará con operadores turísticos, axencias de viaxes e profesionais do sector para xerar oportunidades de negocio
01/06/2026
A Deputación de Pontevedra asiste en Silleda á feira Turexpo Salón Turístico de Galicia, un dos grandes escaparates turísticos do noroeste peninsular, co obxectivo de reforzar a proxección da marca Turismo Rías Baixas. Entre o 4 e o 7 de xuño, o organismo provincial contará cun posto propio nesta feira, desde onde contactará con operadores turísticos, axencias de viaxes e profesionais do sector para xerar oportunidades de negocio.
Nesta edición do Salón Turístico de Galicia o organismo provincial pretende avanzar na súa proxección internacional xa que estarán presentes 30 turoperadores pertencentes a 13 países. Ademais, Portugal ten unha importante presenza, o que servirá para estreitar lazos de cooperación transfronteiriza, avanzar na promoción de produtos estratéxicos vinculados ao patrimonio natural, cultural e gastronómico de Rías Baixas e captar visitantes de proximidade, un mercado prioritario especialmente en tempada baixa.
A Deputación de Pontevedra leva asistindo a esta feira de xeito continuado desde 2023. En anteriores edicións da feira, o organismo provincial detectou un elevado interese en escapadas e experiencias turísticas, o que contribúe de maneira directa ao obxectivo estratéxico de desestacionalizar a demanda turística na provincia. O pasado ano participaron en Turexpo 115 expositores, un 17% máis que o ano anterior, e, en liñas xerais, celebráronse 2.500 reunións cunha trintena de turoperadores de dez países.
