A Deputación destina 20.000 euros á Asociación Galega de Actividades Náuticas para a organización do III Encontro Ibérico de Turismo Fluvial Transfronteirizo que acollerá A Guarda o próximo mes de xullo

Ademais do encontro, que dará cabida a axentes do ámbito turístico e do sector náutico de España e Portugal, a través desta axuda provincial a asociación tamén vai realizar unha consultaría sobre turismo fluvial

27/05/2026

A Deputación de Pontevedra destina 20.000 euros á Asociación Galega de Actividades Náuticas (AGAN+) para a organización do III Encontro Ibérico de Turismo Fluvial Transfronteirizo que acollerá A Guarda o próximo mes de xullo. Ademais deste encontro, que dará cabida a axentes do ámbito turístico e do sector náutico de España e Portugal, a través da axuda provincial AGAN+ tamén vai realizar unha consultaría sobre os obstáculos existentes a nivel Ibérico para o desenvolvemento do turismo fluvial, analizando ámbitos de mellora e achegando exemplos de boas prácticas.

O III Encontro Ibérico de Turismo Fluvial Transfronteirizo, organizado por AGAN+, exporá na Guarda as problemáticas existentes no espazo transfronterizo no ámbito do turismo náutico, así como as diferentes actualizacións lexislativas que afectan ao sector, iniciativas de mellora e potenciación do sector náutico de lecer, especialmente fluvial nos ríos de España e Portugal, e, entre outras cuestións, analizará aspectos relacionados coa comercialización, implantación e desenvolvemento do turismo de cruceiros nos ríos transfronteirizos da Península Ibérica.

AGAN+ é unha asociación sen ánimo de lucro con 25 anos de experiencia cuxos obxectivos son fomentar a competitividade, a innovación, a desestacionalización da oferta e o emprego no ecosistema turístico-náutico; impulsar sistemas de calidade e estandarización que permitan promocionar unha oferta de servizos homoxénea por parte de empresas e destinos náuticos; poñer en funcionamento, promover e apoiar a comercialización de produtos de turismo náutico;  converter os municipios en destinos náuticos de calidade; así como promover o acceso ás actividades náuticas. Na actualidade, AGAN+ capitanea a Rede de Cruceiros Costeiros e Fluviais dos destinos náuticos sostibles de España e é socio e promotor da Rede de Cruceiros Ibéricos Fluviais Transfronteirizos.