A Deputación convoca os X Premios Provinciais á Xuventude, que destinarán 36.000 euros ás mellores iniciativas impulsadas pola mocidade
Os premios contan con once categorías coas que se busca estimular e recoñecer a traxectoria, esforzo e compromiso da mocidade da provincia. Como novidade, as propostas para as categorías non anónimas poderán presentarse a través da Sede electrónica
02/03/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de convocar a décima edición dos Premios Provinciais á Xuventude, que este ano volverán repartir 36.000 euros entre as mellores iniciativas impulsadas pola mocidade de entre 15 e 35 anos da provincia co obxectivo de promover o seu talento e potencial, que na pasada edición recibiu un total de 110 propostas. As bases xa se poden consultar no BOPPO e o período de preinscrición será desde mañá, 3 de marzo, ata o 4 de maio, mentres que as obras se poderán presentar ata o 21 de agosto deste ano.
Os X Premios Provinciais á Xuventude constan de once categorías coas que se busca estimular e recoñecer a traxectoria, o esforzo e o compromiso das mozas e mozos que desenvolvan un labor relevante en distintos ámbitos. Na categoría de iniciativas xuvenís (dirixida tamén a grupos informais ou asociacións estudantís e xuvenís) outorgaranse 2.000 euros en tres premios de 1.000, 600 e 400 euros respectivamente, ao igual que en contido audiovisual, deseño e moda, banda deseñada e educación en valores (a esta categoría poderanse presentar os centros de educación secundaria e o premio só se poderá empregar para a adquisición de material, saídas educativas ou outras actividades relacionadas coa programación do centro). Tamén as iniciativas xuvenís dos concellos estarán dotadas con tres premios de 1.000, 600 e 400 euros.
Ademais, estes 2.000 euros tamén se repartirán de igual forma nas subcategorías de traballo musical (música clásica e outros xéneros), de traballo literario breve (narrativa e poesía) e de fotografía orixinal (serie fotográfica e fotografía). Por outra banda, a categoría á mellor iniciativa empresarial está dotada de 4.000 euros, con tres premios de 2.000, 1.250 e 750 euros. E cada unha dúas subcategorías de investigación tamén recibirá ese reparto: 4.000 € para ciencias, arquitectura e enxeñaría, e outros 4.000 € para artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas.
Como novidade, este ano os proxectos das categorías non anónimas poderán presentarse a través da Sede Electrónica (Iniciativas xuvenís, Iniciativa empresarial, Educación en valores, Investigación, Contido audiovisual e Iniciativas xuvenís dos concellos), mentres que, para garantir o anonimato, o resto dos traballos deben presentarse fisicamente nun sobre pechado. Os proxectos gañadores serán seleccionados por un xurado composto por representantes da Deputación e por profesionais externos, e serán entregados nunha gala pública a finais de ano.