A Deputación avanza no reparto do Plan Vía Depo cunha nova achega de preto de 100.000 euros para que Pazos de Borbén mellore o camiño de Cepeda ao Galleiro

A institución provincial continúa avanzando no reparto deste novo plan, dotado con 8 millóns de euros para arranxar as vías municipais danadas polos temporais do pasado inverno

02/10/2026

A Deputación avanza no reparto do Plan Vía Depo cunha nova achega de preto de 100.000 euros para que Pazos de Borbén mellore o camiño de Cepeda ao Galleiro

A Deputación de Pontevedra continúa aprobando a repartición de fondos do novo Plan Vía Depo entre os concellos da provincia. En concreto, a Xunta de Goberno deu luz verde a preto de 100.000 euros para que o Concello de Pazos de Borbén mellore o camiño de Cepeda ao Galleiro. “Continuamos así no reparto deste Plan Vía Depo dotado con 8 millóns de euros para arranxar as vías municipais. Un plan do que só quedan dous proxectos por aprobar, que en canto cumprimenten a documentación e teñan o visto bo virán a esta Xunta de Goberno para poder comezar, canto antes, a executar os traballos”, asegurou o presidente Luis López.

En concreto, con estes recursos Pazos de Borbén procederá a reparación dos danos estruturais e a repavimentación dun treito de 1,2 quilómetros deste camiño afectado polas inclemencias meteorolóxicas e o colapso do sistema de drenaxe, que provocaron o deterioro da calzada e a aparición de fochancas. As actuacións incluirán a mellora e limpeza das cunetas, a adecuación e execución de salvacunetas e sistemas de captación de augas, así como o saneamento e reforzo do firme nos puntos máis danados. Ademais, actuarase de maneira específica nunha curva con problemas recorrentes de encharcamento mediante o formigonado da súa superficie, co obxectivo de mellorar a evacuación da auga, recuperar as condicións de circulación e reforzar a seguridade viaria.

O Vía Depo, dotado con 8 millóns de euros, naceu como un programa extraordinario para atender diferentes necesidades dos concellos, especialmente as relacionadas co mantemento e mellora das estradas de titularidade municipal, os accesos a recursos naturais e a reparación dos danos provocados polos temporais deste inverno. O programa establece unha achega mínima de 50.000 euros por concello, mentres que o resto dos fondos se distribúe aplicando criterios obxectivos relacionados coa superficie, a poboación e o número de entidades singulares de cada municipio.

audios