Encontro Provincial

Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes 2026

“Voces que chegan"

A Deputación de Pontevedra,  a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico organizou no 2024 e 2025 o encontro literario e artístico “Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes”, motivado polo notorio aumento de solicitudes de participación na categoría de traballo literario breve dos Premios Provinciais á Xuventude, o que denota un especial interese polas iniciativas de creación literaria e artística.


Participaron como relatoras e relatores, autores de mérito internacional coma Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro, Arantza Portabales, Ángela Banzas, Santiago Gamboa, Ledicia Costas, Jorge Volpi, Laura Ferrero e Manuel Jabois, entre outros.

Como preámbulo deste evento, e como primeira actividade da terceira edición contamos no mes de febreiro coa presencia da escritora Paloma Sánchez-Garnica.

Tras rematar o prazo de presentación de traballos da X Edición dos Premios Provinciais á Xuventude, continúase a tendencia que se vén observando nos últimos anos, o incremento da participación nas categorías de traballo literario breve e de banda deseñada, o que amosa que as accións realizadas por esta institución redundan nunha maior participación xuvenil nos eidos artístico e literario.

Pontevedra Literaria propón un ano máis dous días para achegarse á creación literaria da man de dous autores con formas moi diferentes de entender a escritura e de conectar cos lectores: Marcos Giralt Torrente e Alice Kellen. Dous días. Dúas voces. DouS xeitos de contar.

Unha conversa arredor da literatura, a memoria, a identidade e o proceso creativo e unha oportunidade para coñecer de preto a mirada da persoa que escribe e reflexionar sobre por qué escribimos e por qué necesitamos contar historias.

Este encontro segue demostrando ser unha grande oportunidade para que as persoas convidadas compartan as súas motivacións, relaten as súas experiencias no mundo literario e dean consellos e recomendacións para quen se queira iniciar nesta disciplina, especialmente as mozas e os mozos con vocación escritora.

Programa do encontro literario e artístico Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes “Voces que chegan”

Salón de plenos do Pazo provincial. Pontevedra

  • 1 de outubro, de 19:30 a 21:00 h
    • 1.ª xornada: "Escribir para entender"
      • Condutora da xornada: Susana Pedreira
      • Actuación musical a cargo de Andrea García González (piano)
      • Apertura por parte do presidente da Deputación, Luis López
      • Encontro con Marcos Giralt Torrente
      • Unha conversa arredor da literatura, da memoria, da identidade e do proceso creativo. Unha oportunidade para coñecer de preto a mirada dun escritor e reflexionar sobre por que escribimos e por que necesitamos contar historias
      • Preguntas e interacción co público asistente
      • Firma de exemplares
  • 2 de outubro, de 19:30 a 21:00 h
    • 2.ª xornada: "Historias que nos conectan"
      • Condutora da xornada: Bibiana Villaverde
      • Actuación musical a cargo de Andrea García González (piano)
      • Benvida por parte do deputado provincial Jorge Cubela
      • Encontro con Alice Kellen
      • Unha conversa sobre literatura, emocións, personaxes e lectoras e lectores, sobre a creación de historias capaces de atravesar as páxinas e conectar especialmente co público novo
      • Preguntas e interacción co público asistente
      • Firma de exemplares
      • Ao rematar servirase un petisco

PARTIPANTES E RESEÑAS

Formulario Pontevedra Literaria 2026