A Deputación celebra no Día Mundial do Turismo o foro TurisTic, referente do sector en Galicia, coa presenza do secretario de Estado

O evento reúne o día 27 de setembro no Auditorio Mar de Vigo a personalidades do turismo e das novas tecnoloxías para abordar o presente e o futuro do sector

19/09/2022

TurisTic  

A Deputación de Pontevedra celebrará o vindeiro día 27 de setembro o Día Mundial do Turismo cunha nova edición de TurisTIC, o foro de referencia para o sector en Galicia, que contará coa presenza do secretario de Estado de Turismo, Fernando Valdés, ademais de once personalidades do mundo da enogastronomía, o turismo natural e cultural, as novas tecnoloxías aplicadas ás experiencias turísticas ou os aloxamentos. O foro celebrarase nesta ocasión en Vigo, cidade elixida polo Goberno central para conmemorar a data internacional, segundo salientou a presidenta Carmela Silva nunha comparecencia xunto ao alcalde Abel Caballero.

Carmela Silva remarcou o gran momento que está a vivir o turismo na provincia. "O destino Rías Baixas é o puntal turístico de Galicia", resumiu, para lembrar que as pernoctacións no conxunto da provincia foron históricas este verán, cun 91% de ocupación e crecemento en todas as comarcas. "Os datos son estratosféricos", celebrou a presidenta, que lembrou que "o destino Rías Baixas-Pontevedra Provincia é a gran referencia do turismo en Galicia e dos primeiros do Estado". A máxima responsable da Deputación explicou que "o Día Mundial do Turismo estaremos en Vigo para celebrar este sector tan importante que significa o 11% do PIB galego", e remarcou: "Somos un modelo turístico que moitos outros seguen para implantar nas súas cidades e provincias".

A máxima responsable da institución provincial destacou a calidade do programa de TurisTIC e anotou que "alí falarase de propostas e do turismo do presente e do futuro". Carmela Silva indicou que o foro diríxese especialmente ao sector, ás administracións públicas e a medios especializados en turismo, se ben tamén está aberto a toda a cidadanía. O evento será retransmitido en streaming nas canles da Deputación de Pontevedra e as persoas interesadas en asistir presencialmente poden inscribirse na web de SmartPeme.

"Do KM cero ao metaverso"

Este quinto TurisTIC leva por título "Do KM cero ao metaverso" e o programa desenvólvese a través de dúas mesas redondas e un relatorio, todos eles con grandes poñentes. A primeira mesa versará sobre "A realidade do novo turista". Estará moderada por Lorena Varela, xerente da Ruta do Viño Rías Baixas, e participarán Erich Eichstetter, responsable de transformación dixital do Basque Culinary Center; Rafa Centeno, chef do restaurante Maruja Limón, con unha estrela Michelin; Mar Rodríguez, xerente da axencia especializada en turismo natural, activo e cultural Tee Travel; e Mónica Crisóstomo, CEO de Ideas Peregrinas, albergue de Tui e tenda de produtos en torno ao Camiño Portugués.

O relatorio posterior leva por título "O turismo de proximidade: posicionarse nun mercado en plena revolución" e será impartido por Sara Sánchez Remacha, CEO de Rusticae, club e portal de reservas de hoteis e apartamentos con encanto e casas de turismo rural consolidado como unha marca de prestixio neste campo.

A segunda mesa redonda abordará o "Metaverso, o futuro máis próximo do turismo", e estará moderada por Beatriz Heras, responsable de transformación dixital de ITH (Instituto Tecnológico Hotelero). Participarán nesta mesa Xoel Vázquez, cofundador e director executivo de Xoia Software, empresa que crea experiencias inmersivas a través de Realidade Aumentada; Laura Rodríguez, Sales Manager de HotelVerse, empresa que cambia o paradigma de reservas hoteleiras cun sistema que permite ao usuario explorar de forma inmersiva os establecementos; Lorena Rosende, CEO e cofundadora de Merasys, especializada en solucións baseadas na Intelixencia Artificial; e Vicky Vasán , cofundadora de Inmersiva XR, un ecosistema para persoas interesadas na Realidade Extendida.

Ao rematar a xornada celebrarase un xantar networking e as persoas participantes farán un percorrido pola ruta de arte urbano de Vigo. "Non podemos rematar sen unha visita pola cidade para coñecer as medianeiras. É a cidade máis importante de Europa en número e calidade de medianeiras porque aquí pintaron os e as mellores representantes do muralismo do mundo", concluíu Carmela Silva.

Galerias de imaxes

videos

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 9 resultados.