A oficina de turismo de Sanxenxo sube un chanzo cara a dixitalización e ofrece ás persoas visitantes un novo modelo de información

A Deputación aposta por pantallas táctiles e tamén pola instalación dun bucle magnético para mellorar a experiencia das/os visitantes con discapacidade auditiva

24/08/2022

Oficina de turismo de Sanxenxo  

Dixitalización e accesibilidade, estas son as dúas premisas coas que o programa "Tourist Inside" actualizará na oficina de turismo de Sanxenxo. Da man desta iniciativa da Deputación de Pontevedra, incorporará elementos punteiros como unha pantalla táctil ou un bucle magnético. Ademais instalaranse "beacons" en distintos puntos do municipio. Así o anunciou a deputada de Turismo, Ana Laura Iglesias, na visita que realizou á oficina acompañada do alcalde, Telmo Martín. Un cambio, explicou a deputada, que implica un novo modelo de información baseado na busca da satisfacción das persoas visitantes en base ás posibilidades que abren as distintas ferramentas tecnolóxicas.

Gracias á implantación do "Tourist Inside", un programa provincial financiado pola Unión Europea e xestionado polo Goberno do Estado, a oficina de Sanxenxo contará cun bucle magnético que axudará a que as persoas con dificultades de audición desfruten por completo das visitas guiadas neste concello. Ademais, no seu interior situarase unha pantalla dixital de 55 polgadas que brindará información do destino Pontevedra provincia mediante a interconexión de tódalas oficinas da Rede Info Rías Baixas. Ademais, disporá dunha tableta na que as persoas visitantes poderán realizar enquisas de satisfacción.

Case 3.600 visitantes en 2022

No que vai de ano, case 3.600 persoas achegáronse á oficina de Sanxenxo a pedir información no que vai de ano. Entre as e os turistas que visitaron as instalacións destacan as e os de nacionalidade española (88,37%), que chegaron sobre todo de Madrid (25,31%) e tamén doutros puntos como Biscaia, Córdoba ou Barcelona. Pola súa banda, entre o turismo estranxeiro (o 11,63% restante) tiveron relevancia as persoas chegadas de Portugal, Francia ou Suíza.

A Rede Info Rías Baixas é un modelo de éxito que conta con 33 oficinas espalladas por toda a provincia de Pontevedra. Foi creada hai catro anos pola Deputación de Pontevedra para garantir un servizo de atención de calidade nas oficinas de turismo da provincia, ás que dota de máis medios, de novas tecnoloxías e dunha imaxe unificada a fin de mellorar o grao de satisfacción dos e das visitantes.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 12 resultados.